DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través dunha serie de proxectos conxuntos coa UVigo

A Deputación de Pontevedra destinará 165.000 euros ao impulso do Campus Crea e de proxectos de investigación 

Tamén promoverá a concorrencia da Universidade e empresas a convocatorias internacionais

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Investigación
  • Universidade e empresa
  • Institucional
DUVI Pontevedra 11/03/2024

Tras a reunión que a pasada semana mantiñan o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, e as vicerreitoras do campus de Pontevedra, Eva María Lantarón, e de Estudantado e Empregabilidade, Natalia Caparrini, co presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López; a institución provincial anunciou este luns un investimento de 165.000 euros para impulsar unha serie de proxectos conxuntos neste 2024. Concretamente, segundo comunicou este luns López, a través dunha carta remitida ao reitor, a Deputación destinará 80.000 ao financiamento de iniciativas investigadoras, 55.000 ao impulso do Campus Crea e 30.000 a proxectos conxuntos entre a Universidade e empresas. 

Fomento da investigación e do Campus Crea

Por unha banda, a institución provincial destinará 80.000 euros á financiamento de dez iniciativas de investigación, que se distribuirán en 7.900 euros para cada un dos proxectos seleccionados, máis outros mil para a publicación dos seus resultados. Esta iniciativa daría continuidade ao programa de axudas para o desenvolvemento de investigacións que contribúan ao desenvolvemento social e económico da provincia, impulsada en 2023 e que posibilitou o financiamento de oito proxectos do persoal investigador do campus de Vigo e Pontevedra. 

Así mesmo, a Deputación anunciou un investimento de 55.000 euros para contribuír ao impulso do proxecto de especialización do campus pontevedrés. Deles, 20.000 irán destinados á organización do I Congreso Internacional Crea, mentres que outros 15.000 dedicaranse á organización da Semana da Creatividade, que o campus celebrará entre o 22 e o 26 de abril. A institución provincial contribuirá ademais con 10.000 á potenciación do Doutoramento en Creatividade e Innovación Social e Sostible e outorgará outros 10.000 a unha liña de axudas para o desenvolvemento de investigacións vinculadas ao proxecto de especialización, por parte de estudantado de doutoramento. O obxectivo desta liña, como explica a vicerreitora do campus, é impulsar unha convocatoria para o que o alumnado de doutoramento poida realizar “investigacións a nivel internacional, en universidades ou centros de investigación” doutros países. 

Impulso de proxectos con empresas

Finalmente, López tamén anunciou que dedicarán 30.000 euros a cinco propostas de proxectos conxuntos entre a Universidades e empresas. Como apunta Lantarón, esta iniciativa supón “unha continuación” ao curso sobre captación de financiamento europeo e preparación de proxectos, dirixido ao persoal das empresas, que Universidade e Deputación organizaron o ano pasado. Agora buscarase promover que diferentes empresas poidan deseñar, conxuntamente coa Universidade, un total de cinco proxectos, co obxectivo de concorrer conxuntamente a convocatorias de carácter europeo, nacional ou autonómico, destinándose un máximo de 6000 euros á preparación de cada un deles.