DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A primeira pode visitarse ata o día 29 e a segunda ata o 5 de maio

Dúas exposicións conmemoran na Facultade de Filoloxía e Tradución a Revolución dos Caraveis e caída do Muro de Berlín

Tamén está xa instalada unha mostra sobre dicionarios, no marco da celebración do Día do Libro

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Feiras e exposicións
  • Cultura
DUVI 17/04/2024

A Facultade de Filoloxía e Tradución acolle dende esta semana dúas exposicións simultáneas que conmemoran dous dos principais fitos históricos da Europa do século XX: a Revolución dos Caraveis e caída do Muro de Berlín.

Por unha banda, a mostra 2024 / 50 anos de abril buscar dar unha idea do que foi a acción conxunta do Movemento das Forzas Armadas (MFA) e o pobo portugués, de mulleres e homes anónimos, de escritores e escritoras, na Revolución dos Caraveis, da que se cumpre o 50 aniversario o vindeiro 25 de abril, e que supuxo o fin de ditadura de Salazar. Organizada pola Cátedra Internacional José Saramago, a mostra comprende dúas partes: 50 poemas de abril e 50 livros de abril, e amas poden visitarse no pavillón central da facultade ata o vindeiro 29 deste mes. 

50 poemas de abril - Poesía para levar está inspirada nun dos cartaces que encheron de cor e creatividade as rúas dun país que trataba de deixar atrás décadas grises. A recoñecida pintora Maria Helena Vieira da Silva Quizás é a autora desta obra, que realizou a proposta da poeta Sophia de Mello Breyner Andresen, que inspirou tamén o título do cartaz: A poesía está na rúa. Nesta parte da exposición, as e os visitantes poderán percorrer ese breve tempo no que o poder estivo nas mans da xente da rúa, e farano a través de poemas e tamén de letras de cancións, da música da revolución. Mediante códigos QR pódese acceder ás versións orixinais dalgunhas destas famosas cancións.

A segunda parte da mostra exposición, 50 Livros de abril, reúne unha selección de 50 volumes de historia, fotobiografías, teatro, poesía e exemplos de publicacións censuradas durante a ditadura. A partir de fondos da biblioteca da facultade e de volumes de préstamo, propóñense posibles liñas de lectura sobre os acontecementos anteriores e posteriores á revolución. 

Como destacan os seus organizadores, os profesores Xosé Bieito Arias, Burghard Baltrusch, André Bernanrdo e Carlos Nogueira, “esta exposición é unha homenaxe a aqueles e aquelas que levaron a cabo e viviron a Revolución do 25 de abril, que devolveu á sociedade portuguesa a liberdade nos espazos públicos e privados, a liberdade de expresión en palabras, xestos, voz e arte. Pero tampouco esquece ás novas xeración que seguen, con memoria activa, (re)pensando a liberdade cada día”, animando así a “continuarmos Abril”.

35 anos da caída do Muro de Berlín

A outra exposición que se pode visitar estes días na Facultade de Filoloxía e Tradución conmemora os 75 anos da división de Alemaña e os 35 anos da caída do Muro de Berlín. Titulada Aufarbeitung. A RDA na cultura da memoria, a mostra procede da Fundación federal para a recuperación da memoria histórica da ditadura comunista de Alemaña do leste e, a través dunha vintena de textos e 110 fotos e facsímiles, fai un percorrido por algúns dos aspectos menos coñecidos da historia de Alemaña. Como explican os seus impulsores, a caída do muro supuxo “o inicio de importantes cambios na vida da cidadanía alemá e tivo implicacións políticas e económicas a nivel global. Isto pareceunos unha boa razón para achegar temas e momentos pouco visibilizados da RDA”. 

O alumnado da materia Tradución especializada, Servizos Culturais, alemán-galego do grao de Tradución e Interpretación, foi o encargado da tradución ao galego da exposición, baixo a coordinación da profesora Silvia Montero Küpper e coa revisión da docente Patricia Buxán Outeiro. A mostra poderase visitar no pavillón central da facultade ata o día 5 de maio.

Unha terceira mostra, co gallo do Día do Libro

Ademais destas dúas exposicións, os corredores da FFT tamén acollen estes días unha mostra que se encadra dentro das actividades conmemorativas do Día Internacional do Libro. Esta proposta céntrase nos dicionarios como libros de referencia e fedatarios da evolución das linguas e as sociedades que as falan. O día 23, entre as 11.45h e as 12.15 horas haberá unha visita guiada por esta mostra, coordinada polo profesor Alberto Lugrís, do Departamento de Tradución e Lingüística. 

Ademais, esa mesma xornada a facultade tamén acollerá outras actividades relacionadas coa celebración do Día do Libro, como un obradoiro de encadernación cartoneira, un scape room, unha charla coloquio coa cantante Wöyza e a instalación dun punto del liberación de libros.