DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa plantación dun metrosidero, unha especie que non estaba presente no arboreto do campus

A EE Forestal celebra o Día Mundial dos Bosques pondo o foco nas oportunidades profesionais xeradas pola transformación deste sector

Nun ano no que a innovación é o eixe central desta conmemoración

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Medio Ambiente
  • Institucional
DUVI Pontevedra 21/03/2024

A innovación é neste 2024 o lema escollido polas Nacións Unidas para conmemorar, este xoves 21 de marzo, o Día Internacional dos Bosques, que a Escola de Enxeñaría Forestal celebraba este mediodía coa plantación, diante do centro, dun metrosidero. Este acto simbólico buscaba tamén, como explicaba o director en funcións do centro, Juan Picos, pór o foco no proceso de transformación que está a vivir o sector forestal, que fai que os informes de Nacións Unidas apunten “a un crecemento nos próximos dez anos de preto dun 15%” da demanda de técnicos e técnicas neste sector a nivel mundial.

Inserida nas iniciativas da Semana Forestal, que a escola pechaba este xoves coa celebración tamén da festividade do seu patrón, San Leandro, esta plantación contou coa participación da vicerreitora do campus, Eva María Lantarón, do profesorado, persoal e alumnado da escola e dos directores do Centro de Investigación Forestal de Lourizán, Enrique Martínez Chamorro, e da Estación Fitopatolóxica de Areeiro, Carmen Salinero. Nese senso, outro dos propósitos deste acto, sinalou Picos, era pór de relevo a importancia de Pontevedra no referido “ao coñecemento e investigación forestal”, por contar o municipio con estes tres centros, coa Misión Biolóxica de Galicia e co Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Lourizán. “Nacións Unidas escolleu para o Día Mundial dos Bosques o lema da innovación e creo que en Pontevedra podemos sentirnos orgullos do traballo que se está facendo desde os distintos centros de investigación e formación”, salientou Picos, que sinalou que "é probablemente a cidade da península ibérica con maior concentración de centros relacionados co eido forestal". Neste punto, tanto Salinero como Martínez Chamorro incidiron na importancia que ten a colaboración entre centros en ámbitos como a investigación.

A transformación dun sector que demanda máis profesionais

O feito de que a innovación fose neste 2024 o eixe desta colaboración levou tamén á vicerreitora a pór o foco na importancia dunha titulación, o Grao en Enxeñaría Forestal, “que conta cuns niveis de ocupación dos seus egresados do 100%”, pero que ademais “estase abrindo a novos campos de traballo que van a permitir” que esa demanda de profesionais “sígase mantendo nas xeracións vindeiras”. 

Neste punto, Picos destacou que “este é un dos poucos sectores nos que a innovación vai facer que aumente o número de persoas traballando”, para incidir logo nos principais ámbitos nos que estes profesionais terán nos próximos anos un protagoismo crecente. En primeiro termo, o director da EE Forestal sinalou todo o referido “coa dixitalización do sector primario” e o que supón neste ámbito a incorporación de “tecnoloxías láser ou de teledetección satelital”, que constitúen “probablemente a revolución máis grande nesta profesión nos últimos 150 anos”. Ao mesmo tempo, referiuse tamén á importancia crecente do traballo centrado na “xeración de novos produtos, tanto derivados da madeira como doutros recursos forestais”, que contribúan á “descarbonización da economía”. A isto súmase ademais, apuntou, que se trata dun sector no que a intelixencia artificial “vainos dar moitas oportunidades de facer máis cousas, pero no que a compoñente humana seguirá sendo esencial”, de tal xeito que esta tecnoloxía non tería un impacto negativo en termos de emprego. De aí que Picos puxerse o foco nesa estimación dunha crecente demanda de "postos técnicos" nun sector no que traballan, no seu conxunto, 33 millóns de persoas no mundo e ao que se vincula a actividade profesional de 186 millóns, segundo datos da Organización Internacional do Traballo. 

Nova incorporación ao arboreto e peche da Semana Forestal

Este acto conmemorativo serviu tamén para sumar unha nova especie ao arboreto do campus, conformado por preto de 350 exemplares de máis de 50 especies. Trátase dun Metrosideros excelsa, unha árbore orixinaria de Nova Zelandia, que conta con varios exemplares recoñecidos no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia. 

Por outra banda, a coincidencia neste 2024 do Día dos Bosques e do San Leandro levou tamén a que este acto servise tamén, xunto coas actuacións musicais que teñen lugar ao longo da xornada, para pór peche á Semana Forestal. Organizada pola Delegación de Alumnado, tratouse dunhas xornadas nas que a docencia habitual se viu substituída, entre luns e mércores, por un conxunto de coloquios e actividades. Neste caso, esta iniciativa permitiu afondar na importancia da apicultura para os ecosistemas, no ciclo vital do lobo, nos usos da cetraría ou no papel que xogan nos montes as razas de gando autóctonas. Ademais, esta programación contou tamén coa colaboración da Dirección Xeral de Defensa do Monte da Consellería do Medio Rural, que permitiu centrar a xornada do mércores no Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais de Galicia. Fíxoo a través dunha serie de coloquios que se desenvolveron nas carpas instaladas no exterior do centro, onde o alumnado puido coñecer tamén unha unidade técnica de extinción, unha brigada forestal ou unha motobomba.