O Programa Universitario de Maiores acolle unha iniciativa con este obxectivo
Do envellecemento activo ao envellecemento activista
Trátase dunha iniciativa de Solidariedade Internacional Galicia
Co lema Do envellecemento activo ao envellecemento activista, o Programa Universitario de Maiores do campus de Ourense acolle este mes de decembro a celebración dunha iniciativa da oenegué Solidariedade Internacional Galicia que busca “contribuír á formación integral das persoas maiores de 55 anos para exercer a cidadanía global, promovendo especialmente a súa participación social e voluntariado”. A actividade, financiada pola Xunta de Galicia, tamén se celebra no Campus de Vigo e noutros campus galegos.
Entre os obxectivos específicos desta actividade están capacitar en ferramentas de educación para a cidadanía global e a participación social a este colectivo; empoderalo como suxeitos políticos; ofrecerlle espazos de participación social e cidadá e crear sinerxías entre as persoas maiores e as organizacións do terceiro sector da cooperación galega abrindo espazos onde podan desenvolver voluntariado. Sobre o desenvolvemento desta acción, Alberto Vaquero, coordinador do Programa Universidade de Maiores no campus de Ourense, destaca como “o alumnado do noso programa é xente moi activa” polo que apuntou a importancia de ofrecerlle actividades que dean resposta a esta inquedanza por coñecer e facer sempre cousas novas. A pesar desta implicación do alumnado sénior, a asistencia de participantes, indica, veuse neste caso reducida debido ás circunstancias especiais provocadas pola covid-19.
Varios obradoiros e un encontro
Composto por oito horas de traballo, o programa consta de varios obradoiros presenciais e un encontro final de carácter virtual. O primeiro obradoiro ofreceu ao alumnado “unha mirada global das problemáticas sociais e medioambientais actuais, os obxectivos de desenvolvemento sostible e as relacións de interdependencia e a corresponsabilidade como ferramentas de transformación social orientada ao exercicio da participación social das persoas maiores”. O segundo obradoiro abordou coas e cos asistentes “os distintos xeitos e alternativas de participación que teñen as persoas maiores na actualidade así como unha metodoloxía de participación propia de Solidariedade Internacional de Galicia”. Nun último obradoiro, as e os participantes levaron á práctica o aprendido nos obradoiros previos, nun pequeno traballo conxunto que consistiu en deseñar unha micro‐experiencia de transformación social vencellada “ás relacións de interdependencia entre o global e o local”.
A iniciativa tamén quere pór en relación alumnado sénior de diferentes campus galegos con inquedanza no eido do activismo. “A idea é que as persoas participantes podan poñerse en contacto cos outros grupos de maiores das outras universidades galegas participantes xerando sinerxías, que compartan a súa micro‐experiencia de transformación social deseñada e que podan tamén coñecer de primeira man a testemuña dunha persoa dun país empobrecido que é referente e exemplo de participación social nunha contorna de máxima vulnerabilidade”, apuntan desde a organización.