DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O grupo Cies deseñou un instrumento pioneiro para avaliar a percepción deste fenómeno

Escéptico, egocéntrico, indiferente e comprometido: as actitudes do futuro profesorado ante o cambio ambiental global

Segundo un estudo realizado con preto dun milleiro de estudantes de Ciencias da Educación

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Medio Ambiente
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 12/05/2021

O termo cambio ambiental global comezou a empregarse a comezos deste século co propósito de facer referencia “ao conxunto de cambios biofísicos e socioeconómicos que están alterando a estrutura e funcionamento” do planeta, como explica a profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Mercedes Varela. Xunto aos tamén investigadores do grupo Cies Uxío Pérez e María Lorenzo e o profesor da Universidade da Coruña Pedro Vega, Varela desenvolveu un instrumento de avaliación pioneiro dirixido a coñecer as actitudes respecto deste fenómeno de colectivos como o profesorado en formación, a Escala de Cambio Ambiental Global (SGEC, polas súas siglas en inglés). Este cuestionario foi empregado nun estudo realizado con 950 alumnos e alumnas dos graos en Educación Infantil e Educación Primaria, que permitiu identificar, a través dunha análise de clústeres, “catro perfís actitudinais” entre os futuros mestres e mestras, “egocéntricos, indiferentes, escépticos e comprometidos”. 

“O que facemos é utilizar técnicas estatísticas para clasificar un conxunto de individuos en grupos homoxéneos, cos mesmos padróns de respostas”, sinala Varela da investigación na que participaron estudantes da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte do campus pontevedrés, da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense e da Facultade de Ciencias da Educación da UDC. Os resultados desta investigación recóllense nun artigo publicado na revista científica Sustainability, que conclúe que “a maioría do profesorado en formación participante está preocupado, en maior ou menor medida”, polos efectos do cambio ambiental “e son conscientes da necesidade de afrontalo”. Non obstante, como sinala Varela, “non todos eles parecen estar dispostos a responsabilizarse e impulsar cambios”. 

Catro “perfís actitudinais”

O 26,3% do estudantado participante neste estudo encádrase no perfil “egocéntrico”, que agrupa a aquelas persoas que “parecen entender a cuestión, pero as súas respostas suxiren que non están dispostas a realizar cambios a nivel individual”, o que fai difícil, como apunta Varela, que o día de mañá poidan “promover un cambio desde as escolas”. Outro 24,2% dos participantes agrúpanse no perfil “escéptico”, persoas que “parecen dubidar da responsabilidade humana no deterioro do planeta”, que “prefiren non crer ou negan os estudos científicos que lles instan a cambiar aspectos da súa vida”, e que, polo tanto, poderían trasladar “ideas inexactas” ás aulas. Non obstante, sinala Varela, “a tendencia máis negativa” detectada nesta análise é o perfil “indiferente”, no que se sitúa ao 20% dos enquisados, que parecen reflectir “actitudes indecisas e despreocupadas ante a orixe a abordaxe do cambio ambiental global”. 

Por outra banda, preto do 25% do alumnado insírese no perfil “comprometido”, o único que “parece mostrar as actitudes necesarias para promover unha transformación social desde a escola”, sinala Varela. Mais isto, engade, “non implica que posúan a formación específica necesaria para poder levalo a súa práctica educativa”. De feito, o estudo amosa que o alumnado que se atopa preto de rematar os seus estudos “non parece posuír actitudes máis comprometidas que os dos cursos iniciais”, o que reflicte, conclúe a investigadora, “a falta de formación específica nos graos universitarios”.

Maior implicación entre as alumnas

Os datos obtidos apuntan tamén “que o xénero o e tipo de centro escolar preuniversitario poden influír no seu compromiso coa abordaxe do cambio ambiental global”, sinala Varela, que matiza non obstante que se trata “dun traballo exploratorio, que precisa de estudos cualitativos que axuden a coñecer en profundidade as respostas do futuro profesorado”. Ao igual que outros estudos previos, esta investigación constatou que as mulleres “soen estar máis implicadas nos problemas ambientais". Mais tamén que, a diferencia do detectado noutras investigacións, que os universitarios procedentes de centros educativos privados intégrase “en maior medida nos perfís con menor implicación respecto do cambio ambiental”, algo que tamén acontece co alumnado procedente de centros educativos relixiosos.

Un instrumento pioneiro

Nun artigo previo, publicado en Environmental Education Research, “a revista de educación ambiental de maior impacto científico”, Varela, Pérez, Lorenzo e Vega abordaban, xunto co investigador da australiana Universidade de Monasch e editor principal da revista, Alan Reid, o deseño e validación, con 962 estudantes, desta escala SGEC. Con este instrumento, “innovador no seu campo”, que, como apunta Varela, “pode ser empregado para explorar as actitudes de calquera colectivo”, buscaban poder abordar de forma global e desde o ámbito das ciencias sociais un concepto, o cambio ambiental global, que engloba fenómenos como o cambio climático, pero tamén outras problemáticas que, pese a ter un carácter local repítense en diferentes partes do mundo, como a “sobreexplotación e contaminación da auga doce”. Concretamente, a escala avalía as actitudes respecto da “responsabilidade humana na orixe deste gran problema global”, o seu posicionamento “á hora de entender a necesidade de afrontalo” e, por último, a súa responsabilidade social e individual.

Actuar desde a escola

“Hai múltiples formas de abordar o cambio ambiental global, pero para nós é fundamental partir da orixe, que é a nosa forma de vivir-consumir e producir”, subliña Varela, para quen avanzar cara unha maior sustentabilidade pasa pola “promoción de estilos de vida responsables e conscientes”, un eido no que é “fundamental” o papel que pode xogar a educación. “É necesario mellorar a formación do profesorado con novos modelos educativos que favorezan o recoñecemento da orixe real dos problemas socioambientais e lles doten de capacidades para fomentar a responsabilidade individual e social necesaria”, engade a docente, que destaca a importancia da “integración dos ideais sostibles nos centros educativos e a promoción de modelos educativos transformadores que desenvolvan a competencia para a acción e a resiliencia”, baseados nunha “visión complexa e crítica da realidade”.