DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nieves Correa e Joan Casellas participan o vindeiro luns en ‘Conversas arredor da performance’

A historia da arte de acción en España, nas verbas de dous dos seus protagonistas

Aberto ao público, o coloquio terá lugar ás 19.00 horas na Casa das Campás

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Pontevedra 05/10/2022

Achegarse á realidade dunha disciplina artística efémera e facelo a través de “relatos en primeira persoa”, das reflexións dalgúns dos artistas máis destacados do panorama da performance en España. Esa é a idea do ciclo de conversas centradas na arte de acción que promove o profesor da Facultade de Belas Artes Carlos Tejo e que o vindeiro luns 10 de outubro levará á sede da Vicerreitoría do campus “a dous históricos da performance no estado español a partir da década de 1990”, Nieves Correa e Joan Casellas. Aberto ao público, este coloquio buscará afondar na evolución desta disciplina nas últimas décadas a través das preguntas que Tejo irá trasladando aos dous participantes e coas que buscará tanto coñecer as súas vivencias como artistas como a súa experiencia como directores de “importantes festivais” centrados nesta disciplina.

Conversas arredor da performance (III) terá lugar o vindeiro luns ás 19.00 horas na Casa das Campás e insírese nun ciclo de coloquios inaugurado en 2018 coa participación da Premio Nacional de Artes Plásticas Esther Ferrrer e a Premio Nacional de Artes Visuais Concha Jérez. Tras o parón ao que obrigou a pandemia, esta actividade celebrou o pasado ano a súa segunda edición, con dúas figuras destacadas da performance en Galicia, Ana Gesto e Félix Fernández, para continuar agora cunha conversa con “dous artistas indiscutibles para repasar a performance en España”, como apunta o responsable desta iniciativa. Nese senso, Tejo lembra o “protagonismo importante” que tanto Casellas como Correa tiñan na exposición colectiva Acción. Una historia provisional de los 90, coa que o Museo de Arte Contemporánea de Barcelona (Macba) repasaba a traxectoria desta arte en España. Titulada en Historia da Arte pola Universidad Complutense de Madrid, Correa é unha artista interdisciplinar iniciou a súa traxectoria na performance na década de 1980 e desde entón ten desenvolvido accións en eventos e institucións culturais de múltiples países, desde o Museo Reina Sofía de Madrid ao Instituto Cervantes de Berlín. Formado na atmosfera da arte conceptual catalá da década de 1970, Casellas protagonizou tamén accións e instalacións nunha decena de países ao longo dos anos. Licenciado en Belas Artes pola Universitat de Barcelona, na súa traxectoria destaca tamén o labor que desenvolveu como fotógrafo documentalista especializado na arte de acción.

Da acción á xestión da acción

Ademais da súa traxectoria como artistas e das propias achegas de Casellas e Correa á “reflexión teórica da acción”, unha das facetas nas que Tejo busca pór o foco nesta conversa é na experiencia que ambos acumulan na dirección de festivais de performance. Nese senso, un dos eixos da conversa será a traxectoria de Casellas como impulsor do festival La Muga Caula, en Girona, e a de Correa como responsable de Acción!MAD, en Madrid, “dous festivais moi importantes, cunha proxección internacional”. “Paréceme unha cuestión moi relevante, porque a performance era unha disciplina que prefería a xestión libre, fóra das institucións da arte”, salienta Tejo, que pon o foco en que, a diferencia doutras disciplinas, nas que é máis habitual a figura dun “comisariado experto”, na arte de acción era habitual que os propios artistas xestionasen “importantes festivais”. Na actualidade, recoñece, “as cousas están cambiando moito e a performance non só entrou no museo dunha maneira case natural, senón que xa se propoñen comisariados por parte de críticos de arte”, máis isto non era o que acontecía, lembra, na década de 1990, “na que eran moito máis frecuentes os comsariados independentes dos propios artistas”.

Deste xeito, o ciclo busca contribuír, a través “un relato en primeira persoa, no que non hai filtros, a darlle visibilidade” a esta disciplina artística, sumándose a iniciativas como o congreso internacional Fugas e Interferencias, que Tejo dirixe xunto coa investigadora Marta Pol e que o pasado mes de setembro desenvolvía a súa sétima edición en Pontevedra e Santiago.