DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Trátase dunha iniciativa de alumnado e egresados de Historia

Historia, literatura e cine nun novo número da revista 'Ágora'

Está financiada pola Delegación de Alumnado desta facultade

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Asociacións de Estudantes
  • Cultura
  • Publicacións
  • Cultura
DUVI Ourense 13/03/2024

O terceiro número, o correspondente ao ano 2024, de Ágora. Revista Universitaria de Cultura, xa está dispoñible nas facultades e escolas do campus de Ourense. Nel, egresados e alumnado da Facultade de Historia, ben con creacións propias ou ben con textos de dominio público, abordan temáticas variadas de historia, literatura e cine.

A publicación deste ano arranca cun manifesto da redacción de Ágora con motivo da saída deste número, no que realizan unha valoración do percorrido feito ata o momento. Nel, o colectivo promotor sinala que “este é o terceiro exemplar que temos a oportunidade de publicar os que nun comezo, con máis idealismo que realismo, iniciamos esta modesta aventura aló polo mes de maio do ano pasado. Editar nestes tempos unha revista de pensamento non resulta doado, e todos o sabiamos dende un comezo”. Por este motivo, indican, “acadar un terceiro número é para esta humilde redacción, así como para a Delegación de Alumnos da Facultade de Historia que nos financia, unha auténtica utopía materializada”. Segundo explican desde a súa organización, a revista, que conta tamén co apoio da Facultade de Historia, toma o nome de Ágora “para reflexar ese pensamento aberto, ilustrado e humanista tan sumamente necesario nestes tempos en xeral e na institución universitaria en particular”.

Tras o manifesto, o novo exemplar segue cunha breve antoloxía poética de Antonio Machado. A sección de opinión recolle artigos sobre a narrativa moderna de Virginia Woolf, a protección do patrimonio subacuático español e a obra de Frida Khalo, ademais dunha lembranza de Fernando de los Ríos. Xa no apartado de historia, inclúense achegas sobre a traxectoria de Alejandro Magno e sobre a presenza de Basilio Álvarez na parroquia de Bande. Remata o exemplar cun artigo sobre a última película de Víctor Erice, Cerrar los ojos. Os textos están asinados por Daniel Barredo, Juan Requejo, David Carrajo, Alba Campos, Roy Oliveira, Ricardo Valeiras e Uxía Rodríguez.

Cineclub La Barraca

A publicación materializa o espírito de dinamización cultural do colectivo promotor, que tamén ten posto en marcha e se encarga do cineclub universitario de Ourense La Barraca, que cada curso académico desenvolve a súa actividade tamén no campus. Periódicamente propoñen ciclos de cine arredor dunha temática, celebrándose as proxeccións, abertas ao público interesado e de balde, na aula 0.6 do Edificio de Ferro, habitualmente os xoves ás 19.00 h. Ao remate do visionado ábrese a sesión ao diálogo arredor da produción vista. Este mes de marzo está dedicado ao cineasta finés Aki Kaurismäki, proxectándose as súas obras O outro lado da esperanza, Un home sen pasado (que se pode ver o día 14) e A rapaza da fábrica de mistos (que se proxecta o día 21).