DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A iniciativa propón un libro cada dous meses e pretende estimular o uso de recursos da Biblioteca

A idade da ira, de Pankaj Mishra, protagonista de reseñas.17

A selección de textos complementarios e reflexións están dispoñibles en formato virtual

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Cultura
  • Cultura
DUVI 22/12/2020

A realidade do presente é a historia do pasado. Moitos dos odios deste comezo do século XXI teñen as súas orixes en anhelos e promesas do século XVIII que non foron cumpridas. Arredor desta reflexión xira o libro A idade da ira: unha historia do presente de Pankaj Mishra, que protagoniza a nova edición do proxecto Reseñas, para os meses de decembro-xaneiro. Esta iniciativa posta en marcha polo persoal da Biblioteca de Torrecedeira ten como finalidade crear un espazo de lectura, pensamento e reflexión aberto a toda a comunidade universitaria, no que cada dous mes se propón un libro e, arredor disto, toda unha serie de suxestións paralelas con novas lecturas e documentos complementarios que fomenten a reflexión e a formación continua da comunidade universitaria. 

A encargada de elaborar a presentación de A idade da ira: unha historia do presente é Ana María Bande, bibliotecaria da Biblioteca de Filoloxía e Tradución. Explica que Pankaj Mishra escribiu este libro entre 2014 e 2016 “pola necesidade de reflexionar ante as experiencias desconcertantes, e decotío dolorosas que tiñan dividido ao mundo actual, aquel mundo actual do 2017, habería que puntualizar”. Ese contexto estaba marcado polo auxe do terrorismo islámico, o Brexit ou a chegada de Donald Trump á presidencia de EEUU, "faíscas que prenderon o misto que ilustra a capa da edición española do libro", destaca Bande. 

“Pero uns meses despois desta lectura abondaron para que o mundo xa non sexa o que era no mes de xaneiro de 2020, cando escribín a primeira recensión”, recalca Bande. Así, “os alarmantes sucesos que provocaron as reflexións deste ensaio semellan terse desenvolvido a unha anormal velocidade de vertixe ata provocar a actual calamidade pandémica global. Misrha recoñecía no seu texto a existencia dun pánico ubicuo, que non se parece ao medo centralizado que emana do poder despótico, senón que se trata máis ben dun sentimento xerado polos medios de información e amplificado pola redes sociais de que pode pasar calquera cousa, en calquera sitio, a calquera e en calquera momento. A sensación, recoñece o autor, de que o mundo xira sen control está agravada pola realidade do cambio climático, que fai que o noso planeta semelle asediado por nós mesmos. E aquí, estamos, precisamente, no total descontrol”, engade a bibliotecaria.

O reflexo dun estado de ira xeneralizada

Para Bande, A idade da ira é de interese porque achega a visión dun investigador formado en contextos culturais tan diferentes como a India e Estados Unidos. “O abundante e solvente corpus bibliográfico fai que sexa un libro de 'varios usos', porque cada capítulo é un convite a unha reflexión continua sobre os innúmeros extremismos que configuran unha paisaxe mundial de desigualdade, radicalización política, fanatismos relixiosos, competitividade e individualismo extremos, violencia de xénero, xenofobia, ataque ao medio ambiente, terrorismo, etc. Elementos, todos eles, que configuran un estado de ira xeneralizada para cuxa explicación propón o autor una revisión histórica que pasa por cuestionar os piares nos que se sustenta a superioridade intelectual de Europa como paladín do progreso que ten que guiar ao resto do mundo. Unha crítica, outra máis, ao eurocentrismo, ou á versión única da explicación do mundo que impón un occidente que agora mesmo, en decembro de 2020 semella un xigante a punto de desmoronarse”. Neste sentido, a autora da recesión recorda que este tipo de críticas son necesarias para “non deixar perder o patrimonio de ideas que deron pulo á ciencia e a xeitos de organización social que, aínda que eivados hoxe en día pola insaciabilidade do capital, son a garantía que temos nesta parte do mundo de acadar posibilidades de futuros dignos”. 

Tanto a reseña como o resto de propostas e documentos pódense consultar no blogue do proxecto reseñas e nas redes sociais.