DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este xoves a sala semianecoica da EE de Telecomunicación acolleu as sesións de gravación

Instrumentos exóticos e innovadores para poñer a banda sonora ao videoxogo do proxecto Misión Azul

Esta iniciativa de alfabetización está coordinada polo CIM xunto atlanTTic e CCSS e da Comunicación

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • TIC
  • Investigación
DUVI 05/05/2022

O proxecto Misión Azul deu este xoves un importante paso adiante coa gravación dos sons que comporán a banda sonora do videoxogo arredor do que xira esta iniciativa. A sala semianecóica de Acústica da EE de Telecomunicación acolleu a sesión de gravación na que un grupo de expertos e expertas empregaron unha serie de instrumentos acústicos exóticos así como tamén instrumentos de investigación.

Este proxecto botou a andar este pasado mes de xaneiro da man do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo en colaboración con atlanTTic e a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do campus de Pontevedra e ten como obxectivo achegar ás novas xeracións a problemática do cambio climático no medio mariño. Trátase dunha iniciativa de alfabetización mariña e de formación do profesorado que busca abordar dun xeito atractivo e innovador esta realidade, en concreto, a través dun videoxogo interactivo e didáctico co que se quere espertar o interese pola ciencia entre os máis pequenos e pequenas, promovendo vocacións científicas e incrementando a cultura científica en xeral.

Unha banda sonora orixinal creada pola compositora Inés Mirás

Xunto con instrumentos secuenciados, a banda sonora estará composta pola música de varios instrumentos acústicos innovadores e moi exóticos, como o hangdrum, un dispositivo moderno, deseñado en Suíza a partires dunha investigación en Acústica, que xa non se fabrica e que conta cunha característica forma de prato voante con ornamentos harmónicos e membranas esculpidas cun son envolvente moi particular. “Aproveitando que gravamos nunha sala espectacular na que se teñen desenvolvidos proxectos de investigación e experimentación musical, imos empregar tamén diferentes instrumentos de investigación para recoller sons tridimensionais”, salienta Antonio Pena, investigador de atlanTTic.

Deste xeito cobrará pouco a pouco vida a banda sonora orixinal creada especialmente para o videoxogo por Inés Mirás, compositora, intérprete, deseñadora e experta en espazos sonoros. Formada no Conservatorio Profesional de Santiago de Compostela, na Royal College of Music do Reino Unido ou na Escola Microfusa de Barcelona e con numerosos premios ás súas costas, Mirás ideou unha contorna musical única que acompañará á protagonista, á Dra. Mar, e a todos os xogadores e xogadoras nas súas peripecias. 

Concienciar e espertar vocacións

A idea de partida de Misión Azul busca fusionar catro disciplinas tan diferentes como as TIC, as ciencias mariñas, a comunicación e a didáctica, para o que conta cun equipo investigador multudisciplinar no que teñen cabida diferentes ámbitos do coñecemento, que unen esforzos para crear este videoxogo co que concienciar os máis cativos sobre a importancia da ciencia e a tecnoloxía dun xeito ameno e divertido. “Non nos esquecemos de que esta iniciativa tamén se puxo en marcha para promover as vocacións STEM espertando a preocupación por explorar, descubrir, explicar, contrastar e resolver. Para iso debemos proporcionar unha serie de ferramentas didácticas axeitadas a todas aquelas persoas que acompañan a rapaces e rapazas durante a súa educación”, salienta Daniel Rey, director do CIM-UVigo.

Por este motivo, o videoxogo complementarase con dúas unidades didácticas dirixidas ao profesorado de primaria e secundaria que permitirán continuar afondando en contidos sobre os sete principios básicos da alfabetización oceánica, os efectos do cambio climático sobre o océano e o papel da investigación na súa prevención, mitigación e xestión. Para esta adaptación didáctica dos contidos científicos, a profesora da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Beatriz Legerén xa está a traballar en colaboración con persoal docente e investigador e con Alberto García, docente experto na introdución de proxectos de investigación no sistema educativo e representante na Unión Española de Cooperativas de Enseñanza (UECE), que aglutina a 600 cooperativas de ensinanza e centros educativos en todo o estado con máis de 277.000 estudantes e 175.000 familias.

O proxecto, financiado con 27.500 euros pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) do Ministerio de Ciencia e Innovación, “permitirá tamén trasladar á sociedade temas de gran relevancia e impacto social a través de ferramentas innovadoras en educación científica en materia de cambio climático no ámbito mariño, empregando como modelo un espazo mariño protexido”.

A actividade investigadora do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo conta co apoio da Xunta de Galicia e a Unión Europea, a través do seu cofinanciamento ao abeiro do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.