DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O estudo, que se centrou nos escaravellos, acaba de ser publicado na revista 'Ecology and Evolution'

Investigadores da UVigo e do Museo Nacional de Ciencias Naturais propoñen como usar as coleccións históricas das especies para deseñar estratexias de conservación

Destacan o potencial dos datos dixitalizados para abordar a complexidade dos sistemas ecolóxicos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Investigación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI 29/02/2024

O traballo de miles de biólogos de todo o mundo fixo posible que, ao longo do século XXI, o acceso aos datos das coleccións de historia natural experimentasen un notable aumento. Este labor, descoñecido para a maior parte da sociedade, permitiu ao persoal investigador coñecer, entre outros aspectos, a data de colecta, a localización xeográfica dos exemplares ou ao tamaño das poboacións de diferentes especies. Toda esa información, cada vez máis accesible, ten un enorme potencial, por exemplo, para abordar a complexidade dos sistemas ecolóxicos e para o deseño de estratexias de conservación. Precisamente, un equipo formado por científicos do Museo Nacional de Ciencias Naturais de Madrid (MNCN-CSIC) e da Universidade de Vigo acaba de publicar na revista Ecology and Evolution un estudo no que, empregando estes datos, puideron determinar os cambios de distribución dos escaravellos coprófagos ibéricos durante o último século. A metodoloxía que empregaron, e que segundo destacan é exportable a outros grupos animais, permite comprender as respostas das especies aos cambios ambientais, unha información moi valiosa para deseñar estratexias de conservación e xestión da biodiversidade nun momento no que os seres vivos e os ecosistemas están moi ameazados. 

Unha metodoloxía innovadora

O equipo do estudo está formado polos investigadores do MNCN Jorge M. Lobo, Mario Mingarro e Martin Godefroid e polo profesor da Universidade de Vigo Emilio García Roselló, do Departamento de Informática e docente na Facultade de Comercio. Este último explica que o uso deste tipo de bases de datos é cada vez maior, en particular coa aparición de iniciativas de repositorios globais online como GBIF, OBIS, etc. Pero o innovador deste traballo “é o método proposto, que permite interpretar o tipo de adaptación que están sufrindo as especies fronte ao cambio climático en función dos cambios observados na súa distribución ao longo dos últimos 100 anos”. Por exemplo, o investigador sinala posibles hipóteses, como que se adapten migrando a outras latitudes ou que “simplemente se adapten a soportar cambios de temperatura”. 

O proxecto céntrase nos insectos, o grupo máis numeroso do reino animal, que están seriamente ameazados polo cambio climático, a contaminación e a perda de hábitats. Como explica o investigador do MNCN Mario Mingarro, “con este traballo propoñemos unha metodoloxía para utilizar os datos históricos tomados durante os últimos tres séculos”. Recoñece que, se ben é certo que hai que facer un intenso labor de adecuación que inclúe cuestións relacionadas coa calidade e a normalización da información, unha vez limpos, os datos brindan unha valiosa oportunidade para analizar as variacións espaciais e temporais das diferentes especies”. En concreto, neste estudo empregaron información sobre escaravellos coprófagos ibéricos procedente de modelos climáticos libremente dispoñibles e datos históricos que inclúen información sobre a data de mostraxe, a localización xeográfica, a elevación e a temperatura do momento no que colectou cada espécime en cada localidade. Segundo o investigador do MNCN Martin Godefroid, “aínda que a evidencia de cambios espaciais na distribución dos escaravellos é limitada, obsérvase que cada especie exhibe un patrón que se axusta a diversos tipos de adaptacións térmicas ou espaciales, favorecendo así a súa supervivencia”.

Un impacto transformador e exportable

Jorge M. Lobo, tamén do MNCN, subliña que “este traballo ofrece unha proposta para utilizar a crecente dispoñibilidade de información en bases de datos de biodiversidade e permite inferir cales son os patróns de variación espazo-temporais máis probables que experimentaron as especies ante os cambios climáticos da historia recente”. Por isto, o equipo resalta o impacto transformador desta aproximación, xa que “ao longo do século XXI, o traballo dos conservadores e os procesos de dixitalización de coleccións en museos e centros de investigación permitiu acceder a grandes cantidades de datos históricos sobre a presenza de especies. Unha información moi valiosa que nos permite entender e prever os efectos dos cambios ambientais”, sinala Emilio García Roselló. 

Jorge M. Lobo tamén fai fincapé mesa capacidade transformadora dos datos dixitais, e incide en que “a información sobre a presenza dunhas ou outras especies en cada momento é básica para que as persoas responsables de deseñar estratexias de conservación e xestión o fagan partindo dos datos e da maneira máis eficaz posible”. Neste sentido, destacan que o estudo publicado en Ecology and Evolution “é unha primeira proba de concepto, que abre a porta a usalo con todo tipo de especies, en áreas xeográficas máis amplas e con bases de datos moito maiores, o que permitiría estudos a nivel macroecolóxico bastante máis importantes”, como engade o investigador da UVigo.

Máis de 10 anos traballando en informática da biodiversidade

Aínda que este estudo concreto arrancou a mediados de 2022, o profesor da UVigo García Roselló leva máis unha década traballando en 'biodiversity informatics', bioxeografía e biodiversidade. Neste tempo desenvolveu o software ModestR, unha ferramenta que permite o tratamento de gran cantidade de datos de biodiversidade cun simple ordenador persoal. Grazas a este software, García Roselló e o seu compañeiro de departamento Jacinto González Dacosta, conseguiron completar un estudo no que se analizaron os datos de todas as especies terrestres contidas en GBIF, a maior base de datos mundial sobre biodiversidade, na que se inclúen rexistros xeográficos de máis de 400.000 especies animais e vexetais. Unha complexa e ardua tarefa realizada sen financiamento nin máis apoio que “un par de compañeiros”, conclúe.