Do total de participantes, 41 están matriculados en Ourense e 108 en Vigo
Máis dun cento de nenas e nenos dá a benvida ao verán nunha nova edición do Campus Camp
Todas as actividades do campamento seguen as medidas sanitarias establecidas
Xogos populares, tiro con arco, natación, obradoiros de reciclaxe, escalada, expresión corporal… Esta mañá arrancou a nova edición do Campus Camp, o campamento multiaventura dirixido ás fillas e fillos dos membros da comunidade universitaria. Co obxectivo de falicitar a conciliación da vida familiar e laboral do persoal de administración e servizos, persoal docente e investigador e alumnado durante as vacacións dos máis pequenos da casa, o campamento acollerá un total de 149 nenas e nenos entre os meses de xuño e setembro. Nesta ocasión, 41 rapaces con idades comprendidas entre 3 e 15 anos están matriculados no campus de Ourense e 108 en Vigo.
Catro temáticas para aprender xogando
Desde o seu nacemento no campus ourensán no ano 2004, o Campus Camp organiza todos os períodos estivais un programa lúdico e formativo centrado en eixes temáticos variados. Nesta edición, cada unha das quendas do campamento baséase nun tema diferente: o circo da ciencia, eco-artistas, a volta ao mundo en 80 días e os mundiais 2021.
Seguindo este mapa temático, as monitoras e monitores potenciarán o desenvolvemento de habilidades artísticas, a realización de experimentos científicos, o coñecemento do medio, a introdución da cativada en linguaxes artísticas diversas (música, danza, teatro, etc.) e o achegamento a culturas variadas. Na última das quendas, as nenas e nenos inscritos organizaranse por equipos e simularán un torneo mundial, con desfile, probas deportivas e un ‘LipDub’ final.
Cumprindo o protocolo sanitario
Este verán, o equipo de monitores organizará a cativada en grupos de convivencia, dará prioridade ás actividades ao aire libre e levará a cabo rutinas de prevención e limpeza cos menores. Así mesmo, respectaranse os límites de capacidade establecidos e manteranse as distancias de seguridade sempre que sexa posible.