DUVI

Diario da Universidade de Vigo

É unha iniciativa do colectivo Exxperimenta en Feminino da UVigo

A mostra 'As mulleres que nos levaron á lúa' chega ao campus

Pode visitarse ata o 19 de novembro no edificio Politécnico

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Igualdade
  • Institucional
DUVI Ourense 12/11/2021

O 21 de xullo de 1969 o primeiro ser humano puxo un pé na lúa, un fito que marcou un antes e un despois na historia da navegación espacial. Co obxectivo de visibilizar ás mulleres que participaron neste éxito da misión do Apolo XI, o colectivo Exxperimenta en Feminino da UVigo, composto por profesoras e investigadoras da Escola Superior de Enxeñaría Informática, a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e a Facultade de Ciencias do campus de Ourense, ten en marcha a exposición As mulleres que nos levaron á lúa.

A mostra foi lanzada co apoio da Deputación de Ourense e da Unidade de Igualdade da UVigo o pasado mes de outubro e, tras uns días no Centro Cultural Marcos Valcárcel da cidade das Burgas, pódese visitar agora e ata o 19 de novembro no edificio Politécnico do campus de Ourense antes de comezar o seu percorrido por centros educativos galegos. O obxectivo último desta iniciativa é impulsar as vocacións científicas e tecnolóxicas entre o alumnado feminino. Así, a idea da exposición xurdiu ante a inquedanza do profesorado universitario pola escasa presenza de mulleres nos graos científicos e tecnolóxicos e a falta de referentes femininos nestas disciplinas. "Con este proxecto pretendemos axudar a rachar cos estereotipos sexistas que aínda hai na nosa sociedade e contribuír a aumentar a representación feminina no ámbito CTEM, o que será beneficioso para as mulleres, xa que aumenta as súas oportunidades de traballo e de participación nos avances e as decisións do futuro tecnolóxico, e beneficia tamén a nosa sociedade, porque a diversidade fomenta a innovación", sinalan as promotoras do proxecto.

Annie Eeasley, Jeanne Lee Crews, Mary Sherman...

Na mostra, explican as súas promotoras, ponse de relevo o traballo das mulleres que hai 50 anos foron claves para o éxito da misión do Apolo XI e a chegada da primeira persoa á lúa, visibilizando referentes femininos en ámbitos de futuro como a enxeñería aeroespacial. Consta de doce paneis, con textos e ilustracións de Manuela Elizabeth Rodríguez MeliMolita, nos que se recolle a biografía e logros do equipo de enxeñeiras, matemáticas, físicas e informáticas que tiñan como misión vixiar e preparar os cálculos de traxectoria, a programación dos ordenadores e mesmo a alimentación dos astronautas que viaxaron ao espazo no Apolo XI. Entre os nomes incluídos están os de Annie Eeasley, Jeanne Lee Crews, Mary Sherman, Galina Balashova e Christine Darden. De cada protagonista, a exposición recolle información da súa vida, de cales foron as súas achegas e dos recoñecementos que recibiu tanto en vida como posteriormente.

“A través dos paneis, o público pode coñecer a aquelas mulleres que desde a sombra axudaron a que a humanidade puxese un pé na lúa e estea pensando na próxima viaxe a Marte”, apuntan as promotoras da mostra. Estas mulleres, engaden, “que permaneceron invisibilizadas durante moito tempo, deben saír á luz para servir de modelos ás novas xeracións, xa que non se pode querer ser o que non se coñece”. Na web de Exxperimenta en Feminino están dispoñibles os paneis da mostra para a súa consulta e descarga, facilitando igualmente a información necesaria para que os centros educativos interesados poidan solicitar de balde acoller a exposición As mulleres que nos levaron á lúa.