Dirección e Xestión Publica organizou unha conferencia sobre a xestión destes fondos europeos
Os fondos Next Generation poden supor “unha oportunidade para transformar a nosa economía” ou un “fracaso terrible”
A cargo do catedrático da Universidad Rey Juan Carlos Manuel Villoria
Os importantes efectos que provocou na economía a pandemia da covid-19 motivaron que a Unión Europea puxese en marcha en 2020 o que as propias institucións comunitarias definiron como “o maior paquete de estímulo xamais financiado en Europa”, os fondos Next Generation, que implican o investimento de preto de 800.000 millóns de euros para construír “unha Europa máis ecolóxica, máis dixital e máis resiliente”. A xestión destes fondos centrou este mércores a conferencia de apertura do curso académico na Facultade de Dirección e Xestión Pública, que tivo como protagonista ao catedrático da Universidad Complutense de Madrid Manuel Villoria, quen sinalou que “trátase dun proxecto verdadeiramente estratéxico” que no caso de España suporá unha inxección directa de case 200.000 millóns de euros, aos que se suma a posibilidade de solicitar préstamos por preto doutros 80.000 millóns. De aí que puxese o acento en que os fondos Next Generation poden contribuír “a transformar a nosa economía, xa que nunca recibiramos tantos fondos con carácter estratéxico”, ao tempo que advertía tamén de que “se os xestionamos mal, poden ser un fracaso terrible para o noso país”.
Presentada polo profesor Xosé Mahou, a conferencia que puido seguirse tanto de xeito presencial como virtual levaba por título Xestión íntegra e eficaz dos fondos Next Generation e tivo como responsable “a un dos máximos expoñentes do estudo da transparencia administrativa en España”. Autor, lembrou Mahou, de máis dun centenar de publicacións sobre ética administrativa, Villoria é tamén membro do consello de dirección de Transparencia Internacional España, ademais de docente do Máster en Dirección Pública e Liderado Institucional desta Facultade.
Un plan que contribúe ao impulso de medidas contra a fraude
Para coordinar o reparto destes fondos, o Goberno español aprobou o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, no que se establece como obxectivo “un reforzo dos mecanismos para a prevención da fraude, a corrupción e os conflitos de intereses”, lembrou Villoria. O catedrático afondou na súa intervención nas características dos plans de “medidas antifraude” cos que deben contar as administracións que executen estes fondos. Previamente, detívose en como este plan da UE “está incentivando o proceso de socialización de normas e prácticas vinculadas ao control da fraude e a corrupción”, implicando un “paquete medidas bastante potente", que é preciso “implantar adecuadamente”.
O problema das “relacións privilexiadas”
Porén, Villoria tamén puxo o foco nas “barreiras institucionais” que poden existir en España á hora de lograr esa “xestión íntegra e eficaz” dos fondos europeos, eixo do proxecto de investigación financiado polo Plan Nacional, que desenvolve na Universidad Rey Juan Carlos I baixo a súa coordinación. “Atopámonos con que en principio hai unha barreira que é a imparcialidade da administración pública e a independencia de certas institucións de control, que no noso país teñen debilidade”, sinalou o experto, que aludiu tamén á existencia de certa “clientelización e politización” da administración española, o que levouno a pór sobre a mesa a pregunta de se “imos ser capaces de xestionar adecuadamente” os fondos europeos “ou imos perder enormes cantidades de diñeiro”.
Neste punto, detívose a avaliar o “risco de corrupción” existente en España e, baseándose nos datos do índice CPI de Transparencia Internacional, subliñou “que España non é un país que teña corrupción sistémica”. De feito, sinalando ao datos do Eurobarómetro, Villoria apuntou que só entre o 2% e o 3% da poboación afirmou que “lle demandaron un suborno no último ano”, unha porcentaxe “moi baixa globalmente”. Pese a iso, case o 90% da cidadanía cre que en España “hai moita ou bastante corrupción”, un “problema de percepción”, que se disparou tras a crise de 2008 e que non está relacionado cos subornos, senón coas chamadas “relacións privilexiadas”, coas “conexións persoais e enchufes”, sinalou. De feito, relatou Villoria, preto do 40% dos españois “cre que obtivo nalgún momento un servizo público grazas a esas conexións”, o que pode supor, apuntou, “simplemente que se saltaron unha ringleira”, mais tamén é un “risco importantísimo” de cara a xestión dos fondos europeos. “A nosa hipótese é que se non se realizan reformas institucionais nas organizacións públicas e privadas que xestionan o plan de resiliencia, teremos probablemente problemas de captura no deseño, de clientelismo no desenvolvemento e de ineficiencia na xestión”, concluíu Villoria.