Cun protocolo especial que inclúe a máscara obrigatoria durante a realización do exercicio físico
Reabren as salas cardio-fitness e multiusos dos tres campus
O acceso ás instalacións deberá ser sempre mediante cita previa
Tras varios meses pechadas, as instalacións deportivas dos tres campus volven abrir as súas portas hoxe luns. En concreto, as salas cardio-fitness e as salas multiusos dos pavillóns polideportivos de Ourense e Vigo e a sala cadio-fitness do pavillón do campus de Pontevedra xa comezaron a recibir os seus primeiros usuarios e usuarias.
A volta á normalidade atenderá en todo momento ás condicións establecidas no Protocolo xeral para o uso das instalacións deportivas da Universidade de Vigo ante a covid-19 e, ademais, adiántase ás medidas que vai adoptar a Xunta de Galicia en próximos días esixindo o uso obrigatorio da máscara en todo momento. Deste xeito, as persoas usuarias deberán levala posta tanto nas zonas comúns como durante a realización do exercicio.
Estes espazos para a práctica deportiva foron reorganizados para ampliar a distancia entre usuarios e reducir o aforo, eliminando nalgúns casos elementos e, noutros, prohibindo o uso de certas máquinas. Ademais, as salas contan con xel hidroalcólico tanto para as mans como para limpar os aparellos, así como marcas no chan que indican o sentido da marcha e as distancias de seguridade. Por outra banda, o uso destas instalacións será sempre con cita previa dentro do horario de 08.30 h a 22.30 h de luns a venres. Os sábados e domingos, as salas permanecerán pechadas. De igual xeito, durante estes primeiros días de apertura, non se poderán empregar os vestiarios, aínda que dende a Área de Benestar, Saúde e Deportes traballan para poder poñer estes espazos a disposición da comunidade universitaria antes do arranque oficial do curso, o vindeiro día 21.
Normas de acceso e comportamento
Ademais do uso obrigatorio da máscara, as normas de acceso e comportamento nas salas cardio-fitness e salas multiusos contemplan a necesidade de manter sempre a distancia interpersoal mínima de 1,5 metros e usar unha toalla grande para evitar o contacto directo coa superficie. Recoméndase evitar tocar superficies e elementos que non sexan imprescindibles, manter unha hixiene constante de mans e evitar os saúdos con contacto físico.
As persoas usuarias deberán hixienizarse as mans antes de entrar e terán que limpar todo o material e máquinas antes e despois do seu uso. En calquera caso, dende a Área de Benestar, Saúde e Deporte lembran que é obrigatorio seguir as indicacións que faga o persoal da instalación durante o seu uso e que “protexéndose un, protexes aos demais”.
Aforo máximo
O uso das instalacións deberá ter en conta a capacidade máxima permitida dada a situación sanitaria. Isto supón que se deben respectar 5 m2 por persoa usuaria nas salas con aparatos e 3 m2 nas salas sen aparatos, aínda que estes límites legais poderán ser maiores en función das vías de evacuación e de ventilación. Por outra banda, tamén se deberá ter en conta que nas salas cardio-fitness só pode haber unha persoa por estación de traballo e nas salas multiusos debe reservarse unha zona de 4 m2 por persoa usuaria para actividades dirixidas. Para tratar de paliar os efectos desta redución da capacidade das salas, establecese un tempo máximo de 90 minutos de uso, favorecendo así a rotación das persoas usuarias.