DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Área de Normalización Lingüística presenta a oferta para o primeiro cuadrimestre

Sete cursos para mellor a formación en lingua galega

O prazo de inscrición abrirase entre o 4 e o 22 de setembro

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Cursos
  • Lingua Galega
  • Académica
DUVI 19/09/2023

Para este primeiro cuadrimestre, a Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo deseñou unha ampla oferta formativa que comprende sete cursos que abordan diferentes aspectos relacionados coa mellora da formación da comunidade universitaria no que atinxe á lingua galega. As sete propostas son de balde e teñen diferentes duracións, dende as 10 horas do curso máis intensivo ata as 40 dos máis extensos, todos eles en modalidade virtual para facilitar a participación de alumnado, PDI e PAS. 

O curso pasado foron preto de 300 os membros da comunidade universitaria que completaron algún dos cursos formativos de lingua galega ao longo do curso. En concreto, no primeiro cuadrimestre foron 138 as persoas inscritas e outras 145 no segundo. Para este outono a oferta académica será exactamente a mesma ca do segundo cuadrimestre do 2022/2023 e comprende o Curso de iniciación á lingua galega para alumando estranxeiro; o de calidade lingüística no TFG ou TFM; Lingua e calidade; Linguaxe administrativa e xurídica; Os erros máis frecuentes na lingua galega; Redacción e estilo e Xestión do multilingüismo nas aulas.

O prazo de inscrición está aberto ata este venres, 22 de setembro, e os cursos impartiranse nos meses de outubro, novembro e decembro.

Dos máis extensos…

Entre a oferta académica da Área de Normalización Lingüística hai cursos de 40 ou 30 horas e outros cunha duración moito máis reducida e contidos moi especializados. Entre os máis longos está o tradicional Curso de iniciación á lingua galega, que vai dirixido ao alumnado estranxeiro e formúlase como unha inmersión na lingua e cultura galegas, tratando de achegarlles ás persoas participantes unha introdución histórica, antropolóxica, lingüística e cultural do universo galego. 

Outro dos cursos máis completo é o de Linguaxe administrativa e xurídica, tamén de 40 horas, que busca achegar os recursos suficientes para poder redactar e corrixir textos vinculados co dereito e coa administración cun nivel de calidade que se corresponda co uso propio da lingua galega en ámbitos administrativos e xurídicos. 

Tamén coa mesma duración ofértase o Curso de redacción e estilo, unha oportunidade para achegar coñecementos de estilo e de redacción a quen se enfronta diariamente coa tarefa de producir escritos. 

O catálogo de cursos comprende tamén dúas opcións formativas de 30 hora de duración. Por unha banda, unha centrada nos erros máis frecuentes na lingua galega, destinado a persoas interesadas en repasar e mellorar os seus coñecementos lingüísticos, no que se repasará a ortografía, a gramática e o léxico. Por outra, está o curso sobre a calidade lingüística dos TFG ou TFM, que ten como finalidade axudar as alumnas e alumnos a redactar con corrección os traballos académicos e saber expresar as ideas para expoñer os resultados dun Traballo Fin de Grao ou un Traballo Fin de Mestrado. 

Aos máis intensivos…

A ANL tamén inclúe na súa oferta dúas opcións formativas de curta duración. Por unha banda, o Curso de xestión do multilingüismo nas aulas, unha proposta destinada  principalmente a profesorado interesado en aprender a afrontar eficazmente situacións lingüísticas que poden resultar incómodas. Cunha duración de 10 horas, dividirase en tres bloques temáticos: diversidade lingüística no mundo, marco legal para as linguas na docencia universitaria e condutas asertivas (revisión das actitudes lingüísticas en Galicia, converxencia lingüística como conduta de submisión, estrés lingüístico, fundamentos psicolóxicos para a intervención…). 

Unha segunda opción é o Ciclo de lingua e calidade, tamén de 10 hora de duración e destinado a persoas interesadas en mellorar a súa competencia escrita. Componse de cinco seminarios de dúas horas de duración cada un: a disposición textual e as variedades tipográficas, as maiúsculas e as minúsculas, as citas e as referencias bibliográficas, os préstamos lingüísticos e os neoloxismos e a fraseoloxía galega.