DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A axuda oscila entre os 75 e os 300 euros en función da distancia e a duración da práctica

A UVigo estrea unha convocatoria de bolsas de desprazamento para  alumnado que realiza prácticas curriculares

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 29/03/2023

Uns 4000 estudantes da UVigo están matriculados este curso 2022-2023 en prácticas curriculares, configuradas como actividades académicas integrantes dos plans de estudo, que recollen o seu carácter obrigatorio ou optativo, así como a súa duración en ECTS. Co obxectivo de “axudar ao alumnado a enfrontar todo ou parte do custo que supón o desprazamento para a realización das prácticas curriculares, cando estas se realizan fóra do seu lugar de residencia ou dos seus centros”, detalla a vicerreitora de Estudantado e Empregabilidade, Natalia Caparrini, a UVigo lanza, por vez primeira, unha convocatoria de bolsas de desprazamento, cun crédito de 30.000 euros, que se outorgarán ata esgotar o orzamento.

A contía das bolsas oscila entre os 75 e os 300 euros, en función da duración da práctica e da distancia ao lugar de realización da mesma. Para poder acceder a estas axudas, cómpre o alumnado a UVigo estea matriculado neste curso nalgunha titulación oficial de grao e mestrado oficial, en centros propios ou adscritos, así como estar matriculados nalgunha das materias de prácticas curriculares con 6 ou máis créditos. Outro dos requisitos que deberán cumprir os e as beneficiarias destas bolsas é que deberán realizar as prácticas de xeito totalmente presencial nun concello distinto ao do domicilio familiar e ao centro de estudos e que diste máis de 10 quilómetros deste último.

“Somos conscientes de que hai estudantes que teñen dificultades económicas para enfrontar os seus estudos e o desprazamento para a realización das prácticas curriculares, cando as realizan fóra do seu lugar de residencia ou dos seus centros. É un gasto extra para eles”, sinala Caparrini sobre esta convocatoria pioneira na UVigo, pero que outras universidades xa están a ofrecer ao seu alumnado.

Prazo de presentación aberto ata o 13 de abril

As prácticas académicas externas, destácase no texto da resolución reitoral pola que se convocan estas axudas, son unha actividade de natureza formativa que ten como obxectivo que o estudantado aplique e complemente coñecementos adquiridos na súa formación académica. O prazo de presentación das solicitudes a esta convocatoria en réxime de concorrencia competitiva, ideado pola Vicerreitoría de Estudantado e Empregabilidade e o Servizo de Axudas ao Estudo, Bolsas e Prezos Públicos da UVigo, finaliza o 13 de abril e realizarase a través do formulario en liña dispoñible na web da universidade.