DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No cómputo global, a UDC proclamouse vencedora absoluta 

A UVigo gaña o Campionato Galego Universitario de balonmán e baloncesto feminino e de balonmán e rugby masculino

Pontevedra foi sede un torneo que reuniu 35 equipos e 650 deportistas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Pontevedra 14/03/2024

Coa participación de 35 equipos de seis modalidades deportivas, conformados por preto de 650 estudantes das tres universidades públicas, Pontevedra acolleu nas xornadas de mércores e xoves o XXVI Campionato Galego Universitario de Deportes Colectivos, que se pechaba nesta xornada coa Universidade da Coruña (UDC) como vencedora absoluta. O cómputo total de resultados acadados nas competicións femininas e masculinas de fútbol, baloncesto, voleibol, fútbol sala, balomán e rugby outorga á institución coruñesa 25 puntos, un máis que a Universidade de Santiago de Compostela (USC). A UVigo, pola súa banda, logrou un total de 22 puntos e proclamarse campioa autonómica de balonmán feminino e masculino, rugby masculino e baloncesto feminino.

Coa colaboración do Concello, o torneo desenvolveuse ao longo destes dous días en cinco instalacións deportivas, disputándose cada días tres modalidades e pechándose a xornada cunha entrega de trofeos na Escola de Enxeñaría Forestal. Nese senso, o torneo que outorga aos equipos gañadores a posibilidade de participar na fase final do Campionato de España Universitario despídese esta tarde cun acto no que participan o reitor, Manuel Reigosa, e as vicerreitoras de Extensión Universitaria, Susana Reboreda, e do campus de Pontevedra, Eva María Lantarón, xunto a outra serie de autoridades como o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, ou o subdelegado de Defensa, Miguel Cortés. 

Tres triunfos de Vigo nesta xornada

Nesta segunda xornada, a Universidade de Vigo logrou a vitoria en tres das seis competicións disputadas. As alumnas e alumnos vigueses lograron un dobre triunfo en balonmán, onde o equipo masculino gañaba por dous tantos á USC e por oito á UDC, que rematou segunda. A competición feminina foi un partido único entre Santiago e Vigo, saldándose cunha vitoria desta última por 26 a 23.

O outro triunfo chegaría no rugby, onde o equipo masculino se alzaba o título grazas a contar cun maior número de puntos nun triplo empate. Vigo gañara por 27-12 o primeiro partido á USC, que logo gañou 27-22 á UDC, que derrotou á UVigo no último partido (19-14). Na competición feminina, Coruña alzouse co trofeo tras derrotar 59-0 á UVigo e 45-5 á USC, que rematou en segundo lugar.

Este xoves disputouse tamén a competición de fútbol sala, con vitoria do equipo feminino da USC, que gañou 6-2 á UDC e derrotou a Vigo, terceira, nos penaltis. Na modalidade masculina, o triunfo foi para Coruña, que derrotou 6-2 á USC e 3-5 á UVigo, terceira clasificada.

A primeira vitoria chegou o mércores

A primeira vitoria da UVigo neste torneo chegou o mércores, da man do equipo feminino de baloncesto, que gañou na prórroga (43-42) á USC, e derrotou logo ao conxunto da UDC. En baloncesto masculino, a vitoria foi para Santiago, que venceu por 54-62 a Coruña e por 58-51 a Vigo, que perdeu tamén coa UDC (64-60).

A Universidade da Coruña logrou nesta primeira xornada as vitorias en fútbol masculino e feminino. No primeiro caso tras derrotar á UVigo por 2-0, despois de que pechar con empate a cero o seu enfrontamento coa USC, que previamente empatara con Vigo (1-1), á que superou nos penaltis. Na competición feminina, as xogadoras viguesas gañaron o seu partido ante a USC nos penaltis e empataron a cero co equipo coruñés, que lograba o campionato superando 4-0 a Santiago.

No caso do voleibol, A Coruña logrou a vitoria na competición feminina tras derrotar por 0-2 tanto á UVigo como a USC, segunda clasificada. Na masculina, o triunfo foi para a Santiago, que derrotou por 2-0 a Vigo e UDC, segunda clasificada.

Esta primeira xornada pechouse tamén cunha entrega de trofeos, na que participaron, xunto a Reboreda e Lantarón, o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Domínguez, o comandante-director da Escola Naval Militar, Pedro Cardona, e o concelleiro Iván Puentes.