DUVI

Diario da Universidade de Vigo

É parte da delegación da Xunta de Galicia xunto con outros axentes do Sistema Galego de Innovación

A UVigo, presente en Málaga no Foro Transfiere

É o maior evento europeo sobre I+D+i e transferencia de coñecemento

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Feiras e exposicións
  • Investigación
  • Universidade e empresa
  • Investigación
DUVI 20/03/2024

Dende este mércores e ata o venres a Universidade de Vigo está presente en Málaga no Foro Transfiere, Foro Europeo para la Ciencia, Tecnología e Innovación. A institución académica viguesa forma parte da delegación da Xunta de Galicia – GAIN xunto con outros axentes do Sistema Galego de Innovación, como universidades, fundacións, etc.

No que está considerado o maior evento europeo sobre I+D+i e transferencia de coñecemento, a UVigo estará representada pola vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio, xunto con  persoal da Oficina de I+D, como os técnicos superiores Jose Jato e Elena Gil, e do centro de investigación atlanTTic, en nome do cal asiste o seu xestor, Miguel  Álvarez.

O obxectivo deste foro é impulsar a transferencia de coñecemento científico e tecnolóxico, mellorar a competitividade e xerar novas oportunidades de negocio e colaboración que axuden a definir a folla de ruta da axenda I+D+i europea e a súa converxencia no escenario global. Na edición de 2023, a duodécima deste evento, participaron máis de 4300 visitantes profesionais que tiveron a oportunidade de conectar con 500 empresas, entidades e institucións tractoras da innovación.

Transfiere 2024 en cifras

Na edición desta ano do Foro Transfiere participan máis de 500 empresas, entidades e administracións públicas, máis de 350 empresas, entidades e administracións públicas en zona expositiva, 12 comunidades autónomas, 60 entidades académicas, 80 startups , 40 inversores, 30 países representados, 440 expertos e expertas no programa de contenidos, 100 paneis e conferencias, 50 actividades paralelas e 77 prototipos e proxectos de investigación.