DUVI

Diario da Universidade de Vigo

En total, o Goberno galego achegará en total preto de 7m€ ás tres universidades do SUG

A UVigo recibirá da Xunta de Galicia 2,7 m€ para a adquisición de equipamento científico-técnico

Os reitores asinaron este martes o convenio co conselleiro de Cultura, Educación e Universidade

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Reitor
  • Institucional
DUVI 14/12/2021

A Xunta de Galicia achegará á Universidade de Vigo 2.766.817 euros no marco convenio de colaboración para a adquisición e mellora de equipamento e instalacións científico-técnicas coas universidades do SUG. O acordo foi asinado este martes polos reitores de Vigo, Manuel Reigosa, de Santiago de Compostela, Antonio López e da Coruña, Julio Abalde co conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez. 

O montante total destas axudas é de 7 millóns para as tres universidades, correspondendo 3,2 m€ a Santiago e 900.000 € á Coruña. As institucións académicas poderán destinar estes fondos a sufragar gastos de equipamento dos grupos, institutos e centros de investigación e de unidades docentes, sempre que estean incluídos ou asociados á realización de proxectos de investigación, a equipamento científico e para infraestruturas de investigación, á elaboración de proxectos de obras ou reformas, á dotación de laboratorios e ás ferramentas de xestión do coñecemento e información tales como aplicacións informáticas, bases de datos ou licenzas software entre outros. 

No acto desta mañá en Santiago de Compostela, o conselleiro recalcou que este acordo constata o compromiso do Goberno galego co sistema universitario, que blinda así a achega de fondos públicos autonómicos para o desenvolvemento de “proxectos universitarios esenciais”. Pola súa banda, o reitor da UVigo, Manuel Reigosa, subliñou que o sistema universitario galego "está facendo os deberes" e traballando "arreo" para ter os mellores centros posibles, tanto para a docencia, como para a investigación e a transferencia de coñecemento á sociedade. Neste sentido, recalcou que estes novos fondos que achega a Xunta de Galicia “permitirannos traballar moito mellor na busca da excelencia e, polo tanto, creo son boas novas”, que se suman ao recente acordo sobre o Plan de Financiamento Universitario 2022-2026.

A este respecto, Román Rodríguez quixo agradecer aos tres reitores, presentes no acto de sinatura, o espírito de “xenerosidade, consenso e colaboración” entre Xunta e as universidades, que fai que se materialicen “estratexias de país” como este plan plurianual. 

Investimentos para os tres campus

Da partida orzamentaria destinada á UVigo, 1.371.303 euros vanse destinar ao equipamento tecnolóxico dos centros de investigación. Entre as actuacións previstas está a adquisición, por exemplo, de novos sistemas de fabricación, análise e estimulación de novas nanoterapias para o Cinbio, termografía de alta velocidade para o Cintecx, equipamento e medidas tecnolóxicas cuánticas para atanTTic, escáner láser portátil para Cintecx, espectometría de emisión óptica de plasma de acoplamento indutivo para o Cacti, sistemas de monitoraxe da calidade da auga  para o CIM, analizador elemental para o Cacti de Ourense, un sistema secuenciador e analizador 2D para o Cinbio ou a renovación e ampliación de equipos de comunicación de rede, entre outros moitos. 

A outra partida deste orzamento, de 1,395513 euros, destinarase a levar a cabo distintas melloras nas infraestruturas de diversas facultades e edificios nos tres campus, incluíndo a dotación de laboratorios específicos como o de visión artificial e robótica na Escola de Enxeñaría Informática de Ourense ou o de edición gráfica e de informática na futura Facultade de Deseño de Pontevedra. Tamén están previstas actuacións, por exemplo, relacionadas cunha infraestrutura de hiperconverxencia para o campus de Vigo, a compra de dous vehículos todoterreo para mostraxes para os campus de Vigo e de Ourense ou o acondicionamento térmico, acústico ou enerxético de varios centros.   

Esta liña de apoio engádese a outras postas en marcha este ano por parte da Xunta como son os 12,5M€ de dotación específica ás tres universidades para o desenvolvemento de accións estratéxicas de I+D+i e outra liña de 10M€ para o desenvolvemento de proxectos de dixitalización e innovación, acordos todos eles asinados nas últimas semanas.