DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O proxecto foi desenvolvido por un equipo multidisciplinar da Universidade de Vigo

Unha visita virtual permite coñecer os dous sitios con pintura rupestre esquemática prehistórica da comarca de Monterrei

Permiten coñecer as manifestacións atopadas no Penedo Gordo e no Penedo do Gato

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Cultura
  • Investigación
DUVI Ourense 02/07/2021

As pinturas rupestres esquemáticas prehistóricas situadas en Penedo Gordo (Vilardevós) e Penedo do Gato-Lobarzán (Monterrei), na provincia de Ourense, xa se poden visitar de xeito virtual. Un equipo multidisciplinar da Universidade de Vigo acaba de lanzar unha plataforma en liña que integra múltiples recursos que permiten somerxerse no coñecemento destes xacementos sen causar impacto humano neles e salvando as dificultades de acceso a eles.

A iniciativa foi realizada no marco do proxecto Inou 2020 PreMedia. Creación dun contorno virtual para a interpretación patrimonial de sitios con pintura rupestre esquemática da comarca de Monterrei, financiada pola Universidade de Vigo e a Deputación de Ourense e coa colaboración da DXXG. A iniciativa comprende dúas liñas de traballo: PreMedia 1, coordinada por Beatriz Comendador, profesora da Facultade de Historia, e PreMedia 2, liderada por Fátima Braña, profesora da Área de Antropoloxía Social e Cultural. O deseño desta plataforma virtual corresponde ao primeiro dos equipos, que segundo explica Beatriz Comendador, tivo como obxectivo “difundir dous enclaves do val do Támega que estudamos dende a UVigo, localizados fóra do ámbito xeográfico tradicionalmente tratado nos estudos sobre a arte rupestre galega, peninsular e europea, mediante visitas virtuais con diversos recursos interpretativos”. A plataforma resultante, engade, “pensamos que será de utilidade para todas as persoas que queiran coñecer estes lugares e achegarse ás manifestacións de pintura rupestre, xa que poden acceder de xeito doado dende os seus dispositivos e explorar os lugares e os contidos divulgativos, decidindo que queren ver e canto tempo dedicarlle. Tamén pode ser de grande utilidade para facer percorridos virtuais dende os centros educativos”.

Diversidade de recursos

No caso do Penedo Gordo, sinala Beatriz Comendador, na plataforma integrouse a información xerada na intervención arqueolóxica de 2018-2019 financiada pola Xunta de Galicia. No caso de Lobarzán, fíxose unha intervención específica de limpeza e documentación e integrouse o levantamento topográfico feito polo Clube de Espeleoloxía A Trapa (Cetra) en 2019. En conxunto, indica, “optouse por xerar un contorno de accesibilidade en liña multiplataforma que integrase tanto os recursos de carácter interpretativo derivados da propia documentación arqueolóxica dos sitios (fotografías/fotogrametrías tratadas e calcos) que melloran a lexibilidade das pinturas, coma os elementos novos xerados para a visita virtual (fotografías 360º de bóveda completa e voos de drone) que melloran a contextualización dos enclaves”. Ademais, creáronse textos en galego e en castelán coa información dos puntos da visita e outras informacións sobre os depósitos arqueolóxicos asociados, non visibles alí. O traballo de fotogrametría e xeración do contorno virtual foi realizado por Benito Vilas, investigador do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da UVigo (GEAAT). 

Tamén se enriqueceu a plataforma coa incorporación de breves imaxes animadas xeradas expresamente para evocar diferentes momentos temporais dos lugares recollidos, que permiten sumar á visita virtual no espazo unha exploración virtual no tempo. “Constitúe unha experiencia innovadora no uso dun medio artístico de ilustración e de animación para xerar imaxes e recrear escenas en movemento das que non existen arquivos previos, e que son "recuperables" só a través da investigación arqueolóxica e histórica ou da tradición oral”, comenta Beatriz Comendador. Este proceso creativo realizouse en colaboración coa ilustradora MeliMolita (Manuela Elizabeth Rodríguez) e a escolla dos momentos de cada un dos lugares foi o resultado dun proceso no que se tiveron en conta criterios históricos derivados da propia investigación arqueolóxica pero tamén aspectos relacionados coa tradición oral. Por último, creáronse contidos musicais específicos. Para os vídeos de entrada da visita virtual inseriuse unha composición específica inspirada na música tradicional da zona, mediante toques de percusión con cazola e chave, colaboración de Marcos Pérez Saburido (Kinhos) e para os vídeos pequenas pezas compostas por Marcos Mato Collazo. As visitas son accesibles a través da páxina web do proxecto PreMedia, deseñada en colaboración con Óscar Penín, investigador do GEAAT. Ademais do acceso ás visitas, a web ofrece máis información sobre o proxecto e as galerías de imaxes, así como a enquisa de avaliación e o libro de visitas, deseñada polo equipo do PreMedia 2 dirixido por Fátima Braña. Desde o proxecto animan ás e aos visitantes a deixar na web os seus comentarios “porque serán de grande utilidade para afrontar novos proxectos semellantes”.

Potenciar os recursos patrimoniais

“A conservación do patrimonio está ligada á conservación da vida rural, polo que partimos de que non só é importante a parte científica e a xeración de recursos interpretativos, senón o sentido que ten todo isto para a comunidade local e a escoita do seu propio relato sobre estes lugares”, lembra Beatriz Comendador. A activación conxunta de diversos recursos endóxenos, entre eles a arte rupestre, engade, “pode contribuír como unha posibilidade para a dinamización social e económica nun territorio en risco, suxeito a desvantaxes demográficas graves e permanentes. Pero para iso é preciso integrar o apoio das administracións locais e rexionais, así como as mancomunidades de municipios, entre as que debe figurar como obxectivo o estudo e a posta en valor do seu patrimonio histórico e cultural”. Por iso, apunta a prehistoriadora, o primeiro colectivo en coñecer este traballo foi recentemente a veciñanza de Feilas (Vilardevós), Vilaza (Monterrei) e As Chás (Oímbra), “porque queremos agradecer deste xeito a todas as persoas que continúan a apoiarnos e a se involucrar nos proxectos. Consideramos de importancia crucial promover a transferencia de coñecemento, aplicando novas solucións para facer destes «nosos penedos» un recurso importante para erguer o «esqueleto desta vella terra», verbas de Xaquín Lorenzo (Xocas), que figuran no inicio da nosa web”.

Un fito na historiografía da arte rupestre galega

A plataforma foi desenvolvida no marco do proxecto PreMedia, centrado nas manifestacións rupestres de arte prehistórica da comarca de Monterrei, concretamente dentro da tradición da denominada arte esquemática, que comeza coas primeiras comunidades agrogandeiras e aparece con manifestacións tanto gravadas como pintadas en amplas zonas de Europa e na península ibérica. Aínda que no ámbito do noroeste peninsular coñecíanse sitios con pintura esquemática, sinala Beatriz Comendador, en Galicia non se tiñan atopado ata o ano 2017, cando, grazas á mediación de diversos axentes e colectivos, foi posible a identificación de catro sitios, entre eles o Penedo Gordo e o  Penedo do Gato. “A identificación destes dous sitios con pintura esquemática sobre diferentes soportes rochosos e vinculados con depósitos arqueolóxicos, nunha mesma comarca, constitúe un fito na historiografía da arte rupestre galega”, apunta a investigadora do GEAAT, “pero tamén coloca na mesa importantes retos, relacionados co difícil equilibrio entre o seu interese científico e os usos do territorio onde están enmarcados. Trátase de harmonizar a necesidade de difundir estes lugares e a de preservalos tendo en conta o seu contexto territorial”. Así, afirma, “é fundamental potenciar o coñecemento destes recursos patrimoniais e contribuír á súa valoración e conservación. A estrea da visita virtual é importante tamén porque fai visible a arte rupestre do interior de Galicia, menos coñecida e fóra dos destinos rupestres inscritos nos itinerarios culturais do Consello de Europa, como os Camiños de Arte Rupestre Prehistórico”.