Obter información precisa das características que posúen os sedimentos da Plataforma Continental de Galicia é o obxectivo da Campaña Oceanográfica “Pergamon” na que, durante 16 días, once investigadores das universidades de Bremen e Vigo, van analizar polo miúdo os fondos mariños dun dos ecosistemas costeiros de maior produtividade biolóxica.
A campaña, que hoxe parte do Porto de Vigo, realizarase a bordo do buque oceanográfico Poseidon da universidade alemá de Bremen, e nela vaise ultimar un novo equipo deseñado en colaboración polos investigadores alemás, coordinados polo profesor Tilo Vo Dobeneck, e os membros do grupo vigués Geoma, Xeoloxía Mariña e Ambiental, baixo a dirección do profesor Federico Vilas. O novo equipo é aínda un prototipo e está en fase de perfeccionamento, se ben todas as probas realizadas indican que suporá un considerable aforro de tempo e, por tanto, de diñeiro, respecto ao método que tradicionalmente se ven empregando durante as campañas de prospección en xeoloxía mariña.
02/06/2008