DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Fernando Aguado, investigador principal considerao "un éxito para a Universidade"

A Axencia Espacial Europea aproba o proxecto elaborado pola Universidade e INTA para desenvolver un satélite de uso científico

"Dieste" é o único proxecto español seleccionado entre máis de 25 europeos

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría DUVI 05/06/2008

Unha proposta presentada pola Universidade de Vigo en colaboración co Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial, INTA, ao abeiro do proxecto CubeSat para desenvolver picosatélites que conteñan carga útil de carácter científico, comercial e gobernamental, foi aprobado pola Axencia Espacial Europea que abre así a porta á primeira participación galega e á única do Estado na carga útil do voo inaugural da lanzadeira espacial Vega.
Dieste, do que é responsable o profesor da Universidade de Vigo Fernando Aguado, e que conta coa participación de Retegal S.A, foi o único proxecto español seleccionado pola Axencia Espacial Europea entre os máis de 25 presentados en toda Europa para desenvolver satélites de pequenas dimensións pero con todas as unidades operativas precisas. Para Aguado "a decisión da ESA supón un gran éxito para a Universidade xa que nos permite estar entre as institucións máis punteiras".
O proxecto permitirá poñer en órbita un satélite de uso científico, situando á universidade viguesa entre as oito institucións académicas europeas líderes no desenvolvemento de picosatélites en Europa.
A aprobación por parte da Axencia Espacial Europea do proxecto da Universidade de Vigo e Retegal, foi coñecido hoxe pola Xunta de Galicia que participa nun consorcio para o desenvolvemento do picosatélite xunto á propia Universidade, o Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial e a Axencia Espacial Europea.

Iniciativa vencellada á investigación

O proxecto para desenvolver un picosatélite de tipo CubeSat ten como obxectivo a investigación no campo das comunicacións dixitais, a mellora dos sistemas fotovoltaicos satelitais e o desenvolvemento de metodoloxías para xestión de satélites de comunicación. Así mesmo, o profesor do Deparmento de Teoría do Sinal e Comunicacións e investigador principal do proxecto, Fernando Aguado, incide no caracter "educacional" do proxecto "de aí a participación no mesmo dun bo número de alumnos aos que se suman nove profesores, a maioría o meu mesmo departamento e outro da E.S de Enxeñaría Informática de Ourense". No caso concreto de Galicia o proxecto persegue o desenvolvemento de empresas tecnolóxicas no mundo das telecomunicacións, entre as que se atopa o operador público Retegal S.A. Deste xeito o proxecto permitirá aos investigadores e estudantes das universidades galegas situárense nunha posición de referencia para abordar proxectos máis ambiciosos no sector das comunicacións por satélite.

Prazos para desenvolver un proxecto complexo

Unha vez desenvolvido, o picosatélite partirá na carga útil do voo inaugural da lanzadeira espacial Vega que terá lugar na base de lanzamentos da Axencia Espacial Europea na súa sede de Korou, na Guayana Francesa. Aguado apunta que "aínda quedan moitos meses de traballo por diante. En este momento pódese dicir que das catro fases nas que se divide o proxecto xa están rematadas a dúas primeiras e en próximos meses acometeremos o resto". Segundo o profesor e investigador da Universidade de Vigo "trátase dun proxecto complexo, cuxo desenvolvemento permitirá consolidar ao grupo".