DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo as conclusións da tese de doutoramento de Félix Ángel García Maquieira

O adestramento en coordinación e en situacións de estrés, determinantes na formación e selección de xogadores de voleibol

En base ao estudo de máis de 200 partidos desta modalidade deportiva

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 11/06/2008

Entre os múltiples aspectos que poden influír no desenvolvemento dun partido de voleibol, as cualidades de coordinación e reacción nos momentos críticos do xogo poden ser determinantes. Estes son dous dos aspectos, polo tanto, que se deben ter en conta na selección e preparación dos talentos deportivos para as ligas de máximo nivel deste deporte.
Entre outros, estes son factores que destaca Félix Ángel García Maquieira na súa tese de doutoramento na que realiza unha análise centrada na fase do partido, o resultado e os momentos críticos. Segundo salienta o investigador “a observación e a análise do xogo ten unha gran importancia, xa que permite identificar regularidades no desenvolvemento do encontro, o que nos pode orientar na planificación e posta en práctica dos procesos de adestramento e competición”.
Para chegar a determinar as variables que fan que un partido se gañe ou perda e a existencia de momentos críticos, García Maquieira analizou as estatísticas de 215 partidos de voleibol da tempada 2003-04 de categoría masculina na liga Pallavolo, serie A1 italiana. Desta análise extraeu varias conclusións, comparando ademais os encontros da fase regular cos de playoff, diferenciado tamén as características segundo se tratase de partidos a tres, catro ou cinco sets.
Segundo o investigador “débese incidir no desenvolvemento de aspectos coordinativos, que son de vital importancia para a execución da recepción ou o saque”. Entre estes aspectos destaca a lectura de traxectorias, a visión marxinal ou os lanzamentos. Por outra banda, das conclusión tamén de desbota a importancia na fase a adestramento da familiarización dos xogadores con situacións de estrés, xa que isto os capacitará “para saber levar os momentos críticos nos partidos con máis naturalidade”.
García Maquieira salienta tamén que os adestradores deberían ter en conta as características, tanto físicas, como psicolóxicas ou técnicas, dos distintos xogadores á hora de formar os equipos. Deste xeito establecerase un xeito máis sinxelo de “afrontar os distintos tipos de competicións e intervir nos diferentes momentos dos partidos”.

Partidos de tres, catro e cinco sets

Na súa análise de 215 encontros de voleibol, o investigador estudou 30 variables por set, o que equivale a 90 ao longo dun encontro de tres sets. Deste xeito, o investigador apuntou as diferenzas entre a fase regular e os playoff. “Nos partidos a tres sets a porcentaxe de recepcións positivas é máis elevada nos encontros da fase regular que nos playoff. Nos de catros sets, a media de puntos por erros é máis alta na fase regular e nos partidos de cinco sets a media de puntos de bloqueo é máis ampla nos playoff”, explica.
No que se refire ás variables que diferencian a vencedores e vencidos tamén se establecen diferenzas segundo o número de sets. Nos encontros de tres estas variables son os puntos de bloqueo, os de ataque e os erros en ataque. Cando o enfrontamento ten catro sets, o determinante son os puntos de bloqueo e os de ataque, mentres que nos de cinco o fundamental son os puntos de ataque.
Por último, nos partidos menos igualados, os de tres sets, “é determinante gañar o segundo set, o terceiro set e acadar o punto 21 do primeiro set. Nos encontros máis igualados os momentos críticos aparecen no último xogo disputado”. As variables que determinan os momentos críticos nos partidos de catro e cinco sets son os seques totais e as recepcións totais, pero nos encontros menos equilibrados, os de tres, interactúan todas as variables estudadas na análise. Todas estas conclusión poden determinar os programas de adestramento de equipos e xogadores para preparar do xeito máis efectivos os encontros e competicións.