DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tras recibir o Premio Galicia de Investigación Científica-Técnica na categoría mozo

Miguel A. Correa e Roberto López apostan por un futuro laboral na Universidade

Consideran fundamental unha estreita colaboración co mundo empresarial

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Romina Vázquez DUVI 10/06/2008

Tanto Miguel Ángel Correa como Roberto López, gañadores do Premio Galicia de Investigación Científica-Técnica na categoría mozo, coinciden en afirmar que o galardón recibido é un recoñecemento a anos de esforzo e traballo duro. Do mesmo xeito, ante o escaso peso que a ciencia e a tecnoloxía teñen na sociedade actual, entenden que “certames deste tipo deben dar a coñecer ao gran público a investigación de alto nivel que se está a levar a cabo na nosa comunidade”, tal como explica López, doutor enxeñeiro de Telecomunicación e membro do departamento de Teoría da Sinal e Comunicacións, que engade que “hai que darlle toda a publicidade posible para cambiar esta tendencia”.
Pola súa banda, Correa, membro do departamento de Química Física e integrante do grupo de Química Coloidal, reclama que o premio, ademais de ser de carácter monetario, “debería aportar axudas para consolidarse no ámbito da investigación ou facer un grupo de traballo propio”, segundo as súas palabras.
Tras rematar os seus estudos universitarios e realizar o doutoramento, ambos estiveron varios anos traballando no estranxeiro para adquirir experiencia. Posteriormente, optaron por regresar á Universidade, na que cursaran as súas carreiras, para desenvolver o seu futuro profesional, aínda que son conscientes de que en España “a investigación está moi mal porque os medios dos que se dispón son insuficientes”, explica Correa.

Como mellorar a investigación en Galicia

Ante os atrancos e dificultades que os investigadores galegos atopan para levar a cabo os seus proxectos, Roberto López estima que “é necesario aumentar os recursos económicos que se destinan a esta actividade, pois estamos moi lonxe da media europea”. Outra das medidas que propón este enxeñeiro é permitir que os grupos manexen os presupostos con flexibilidade, xa que “en ocasións hai demasiadas trabas burocráticas e estamos encorsetados á hora de adquirir equipos ou contratar persoal”, explica.
Con respecto aos talentos que xorden na investigación, Correa considera que para evitar a fuga de cerebros habería que permitir aos novos talentos desenvolver aos seus proxectos por si mesmos, á marxe dun grupo se é necesario.

Investigación na empresa privada

Facer investigación é un proxecto a longo prazo. Isto explica que as empresas galegas, que na súa maioría son de tamaño pequeno ou mediano, carezan de I+D. A administración é consciente desta situación e está tratando de cambiala con programas como o Torres Quevedo, que lles subvenciona a contratación de doutores.
Dende a Universidade, López e Correa apostan por un “achegamento por parte dos científicos aos problemas reais da empresa”, puntualizando que “é preciso que se estableza unha relación de retroalimentación para desenvolver aplicacións con utilidade a medio prazo”. De todos xeitos, o importante é que as empresas teñen amplitude de miras e entendan que a investigación é unha actividade que require da súa implicación.

Colaboración Universidade – empresa

Dende o grupo de Procesado do Sinal en Comunicación, estanse a facer esforzos por establecer relacións estables co mundo empresarial e para isto “traballamos con firmas como Televés ou Egatel, dedicadas ao sector das telecomunicacións”, tal como explica López, que engade que “os resultados son satisfactorios e estamos contentos”.
Pola súa banda, Correa ve máis complicada a colaboración con empresas galegas dende o seu equipo de traballo, posto que “o noso obxecto de estudo, a nanotecnoloxía, é unha ciencia emerxente. Hai moitas expectativas, pero o tema das aplicacións reais non é sinxelo”.