Nunha contorna de numerosos xacementos arqueolóxicos, ao pé ermida de San Salvador das Rozas, no concello ourensá de Monterrei, sitúase a necrópole de Medeiros, da que son visibles varios sartegos monolíticos antropomorfos e as correspondentes lousas ou tampas de cubrición, algunhas delas decoradas e con epígrafes. O enclave, explica o arqueólogo da Universidade de Vigo Fermín Pérez, intúese como “un dos mellores xacementos galegos para afondar no coñecemento arqueohistórico dunha etapa especialmente escura da historia de Galicia, a época suevo-visigótica, de transición entre a Antigüidade e o Medievo”. Co obxectivo de avanzar no coñecemento deste espazo e das demais “cidades cemiterio” similares que hai en Galicia, o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio, realizará unha intervención arqueolóxica na necrópole de Medeiros.
31/05/2016