DUVI

Diario da Universidade de Vigo

José Luis Santos-Ascarza analizou na súa tese as problemáticas asociadas a este colectivo

Os pacientes renais presentan un alto risco de pobreza e exclusión social

A discapacidade global das persoas valoradas con esta enfermidade amosouse leve

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 09/06/2016

A enfermidade renal crónica está considerada un importante problema de saúde pública, non só polas súas proporcións epidemiolóxicas senón sobre todo polo seu alto custe social e repercusión na calidade de vida das persoas afectadas. Na súa tese de doutoramento, José Luis Santos-Ascarza afondou na realidade social que rodea ao paciente renal. Entre as conclusións apunta que estes pacientes, sobre todo en tratamento de hemodiálise, presentan un alto risco de pobreza e exclusión social en comparación coa poboación galega e española, sendo a principal causa deste risco a baixa intensidade de emprego dos seus fogares.

Alta incidencia en Galicia

A tese, titulada Discapacidade e risco de exclusión social na enfermidade renal crónica, foi dirixida polo doutor Fernando Tellado e presentada este curso académico na Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense. A elección do tema, explica o investigador, realizouse tendo en conta que “a diagnose dunha enfermidade renal crónica, enfermidade grave e con risco para a vida con altas taxas de incidencia e prevalencia, e sobre todo o inicio da terapia renal substitutiva, marca un antes e un despois no estilo de vida da persoa afectada e no da súa familia”.

Os datos do ano 2013 apuntan a que en Galicia a incidencia desta enfermidade é de 142,1 por millón de habitantes, o que a sitúa 17,9 puntos por riba da media estatal e equivale a preto de 400 novos enfermos renais en tratamento renal substitutivo ao ano. “Detrás destas cifras hai persoas que se ven rodeadas de diferentes circunstancias económicas, sociais, ambientais ou familiares que deben ser estudadas para coñecer mellor o impacto da enfermidade e dos seus tratamentos e así poder determinar que medidas preventivas deberían pórse en marcha”, destaca José Luis Santos-Ascarza, psicólogo do grupo de apoio ao paciente da Fundación Renal Íñigo Álvarez de Toledo en Galicia.

A repercusión da hemodiálise

Para levar a cabo a investigación, que foi feita coa colaboración do Servizo de Nefroloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense e a Fundación Renal Íñigo Álvarez de Toledo, o xa doutor seleccionou unha mostra de 124 pacientes con enfermidade renal crónica de Ourense e Vigo en tratamento de hemodiálise, de diálise peritoneal ou de transplante renal. Todos eles foron entrevistados co cuestionario para a avaliación da discapacidade da Organización Mundial da Saúde WHODAS2.0, aplicándoselle os indicadores de risco de pobreza e exclusión social Arope. Neste senso, apunta o investigador, é importante facer fincapé en que risco de pobreza e exclusión social non equivale a ser pobre. Así, explica, unha persoa considérase en risco de pobreza ou exclusión social se cumpre un dos tres indicadores do Arope, como pode ser o baixo emprego na unidade familiar, pero iso non significa que sexa pobre.

Froito dos exhaustivos datos obtidos, as conclusións da tese apuntan a que a discapacidade global dos pacientes renais valorados é leve e de carácter moderado nalgúns dominios relacionados co seu estado físico e participación social. “Os pacientes renais en comparación con outros pacientes con problemas físicos ou mentais presentan en xeral menores limitacións”, recolle o estudo. A investigación tamén indica que os pacientes en tratamento de hemodiálise presentan de maneira significativa unha maior discapacidade global e en diversos dominios de funcionamento fronte aos pacientes en diálise peritoneal e transplante renal.

Os resultados globais do estudo indican tamén que un 40,3% da mostra está en risco de pobreza e exclusión social, sendo os pacientes en tratamento de hemodiálise os máis representativos e os que presentan unha maior porcentaxe, concretamente un 48,7%, seguidos dos pacientes en diálise peritoneal cun 30,4% e de pacientes transplantados cun 26,1%. No risco de pobreza e exclusión social, sinálase no estudo, ten un peso notable a baixa intensidade de emprego dos seus fogares e a isto contribúe decisivamente o feito de que só o 11,7% dos pacientes en idade laboral estivesen traballando e que o 73,5% fosen pensionistas sen estar xubilados. Outra das conclusión recollidas na investigación apunta a que os pacientes renais por ter máis discapacidade non implica necesariamente que vaian a ter máis risco de pobreza e exclusión social. “Non se atopou relación significativa entre ambas situacións”, sinala o doutor.

Cantidade e calidade de vida

Neste contexto, Santos-Ascarza Bacariza recalca que “é necesario adoptar un enfoque integral de atención ao paciente renal, onde os aspectos psicolóxicos e sociais dos pacientes sexan abordados por profesionais do sector, de maneira individualizada e preventiva, co obxectivo principal de mellorar a calidade de vida do paciente e traballando en equipo co resto de profesionais sanitarios implicados”. Na sociedade científica nefrolóxica, apunta o investigador, dende fai anos medra o interese non só por prolongar a vida dos pacientes renais desde un punto de vista cuantitativo senón por dotar de calidade de vida eses anos por vivir.