DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Universidade de Vigo abre unha convocatoria con dúas axudas para o estudantado 

Bolsas pioneiras para formar alumnado en responsabilidade social universitaria e Axenda 2030

O prazo de presentación de solicitudes remata o 21 de marzo 

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Democracia
  • Estudantes
Mª del Carmen Echevarría DUVI 14/03/2019

Ao longo de 10 horas á semana, durante tres meses, dous estudantes da Universidade de Vigo formaranse en responsabilidade social universitaria e na Axenda 2030, nunha iniciativa pioneira que lles permitirá coñecer como a institución académica xestiona o seu compromiso social coa súa contorna e rende contas á sociedade. Estes son os obxectivos da convocatoria de Bolsas de formación en Responsabilidade Social Universitaria (RSU) e Axenda 2030 da Universidade de Vigo, “unha institución pioneira á hora de vincular Responsabilidade Social Universitaria cos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030”, explica Xosé Mahou, director da Área de Responsabilidade Social e Cooperación da Universidade.

Á convocatoria das dúas bolsas, unha para os campus de Vigo e Pontevedra e outra para Ourense, poderá concorrer o alumnado matriculado este curso en titulacións de grao e mestrado das ramas de Ciencias e Ciencias Sociais de Xurídicas, que terá de prazo para presentar as súas solicitudes ata o vindeiro 21 de marzo.  “Existe un descoñecemento xeneralizado sobre cales son as funcións de responsabilidade social das organizacións públicas e, en especial, das universidades”, sinala Mahou, que apunta que con estas bolsas buscan que o estudantado coñeza os compoñentes básicos da responsabilidade social universitaria en perspectiva comparada e comprenda en que consiste a Axenda 2030, “para saber aliñar os obxectivos do desenvolvemento sostible coa futura estratexia de RSU da nosa universidade”, engade o director da Área de Responsabilidade Social e Cooperación.

Formación e posta en práctica do aprendido

A maiores de coñecer os compoñentes e fundamentos da RSU en perspectiva comparada e comprender a Axenda 2030, as persoas beneficiarias das bolsas analizarán plans de responsabilidade social das universidades españolas, europeas e latinoamericanas; coñecerán a estrutura organizativa de RSU doutras institucións e aprenderán a crear materiais e recursos e implementar actividades sobre RSU, Axenda 2030 e cooperación. “A nosa idea é que o alumnado se forme realizando actividades que lle permitan aprender e pór en practica este coñecemento. Así, non só coñecerán os compoñentes básicos da RSU e da Axenda 2030, senón que ademais colaborarán, sempre atendendo ao seu perfil de bolseira ou bolseiro en formación e baixo a supervisión directa do titor, na posta en marcha de iniciativas orientadas á comunidade universitaria”, detalla Xosé Mahou.