Codium fragile é unha das algas invasoras máis daniñas en sistemas costeiros, xa que é quen de desprazar ás especies nativas en todo o mundo. No Atlántico noreste os seus primeiros rexistros son de principios do século XX, pero, sen embargo, en España non se describe esta especie ata 1966, concretamente no mar Cantábrico. O seu éxito no proceso de invasión é principalmente atribuído á súa ampla tolerancia fisiolóxica tanto á temperatura como á salinidade, tipos de substrato ou contaminantes, así como polo seu rápido crecemento durante o verán, a pouca presión de herbívoros e os diversos modos de reprodución e dispersión. Sen embargo, nas costas da península ibérica varios estudos científicos conseguiron demostrar que a especie nativa, C. tomentosum, conseguía facer fronte á especie invasora. Así, para poder coñecer ben o carácter invasor desta alga, científicos da Universidade de Vigo e da Rey Juan Carlos están a desenvolver un estudo sobre unha alga que, a pesares de ser orixinaria de Xapón, se atopa xa distribuída por todo o mundo.
16/05/2017