DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O grupo MP1 estuda a relevancia neste dos hospitais medievais e das augas medicinais

Investigación e arte para sacar do esquecemento as peregrinaxes polo camiño Miñoto-Ribeiro

A profesora de Fisioterapia Lourdes Maceiras coordina unha exposición itinerante sobre a ruta

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI 15/05/2017

Co propósito de unificar esforzos no estudo dunha antiga ruta de peregrinación a Santiago de Compostela, o camiño Miñoto-Ribeiro, Ribadavia acolleu o pasado sábado a primeira xuntanza dun grupo de investigadores e investigadoras de distintos ámbitos, que traballan na compilación de información sobre un camiño que parte do sur de Ourense. Entre eles, a profesora da Facultade de Fisioterapia e coordinadora do grupo de investigación MP1 (Medicina Preventiva e Saúde Pública), Lourdes Maceiras, que desde hai anos afonda na historia dun camiño que non ten a consideración oficial de ruta xacobea e que agrupaba, como explica, “unha importante cantidade de hospitais medievais e de augas mineiro medicinais” e que era empregado polas persoas enfermas de lepra para chegar a Compostela. Co propósito de dar visibilidade ao camiño, Maceiras é tamén a coordinadora dunha exposición itinerante que desde 2013 percorre os diferentes municipios da ruta e que actualmente pode visitarse no Parque Náutico de Castrelo de Miño

Unha xuntanza para coordinar esforzos

Once expertos e expertas en historia, arqueoloxía ou literatura medieval tomaron parte na xuntanza celebrada na sede do Club Artístico de Ribadavia, a primeira que promoven, explica Maceiras, co propósito de “traballar de xeito intersectorial en aspectos que teñen que ver coa cultura, historia, arte, literatura e saúde” do camiño Miñoto-Ribeiro. O propósito final, engade esta investigadora, é tanto “visibilizar toda a potencialidade que ten en todas estas facetas” unha ruta que transcorría polos concellos de Lobios, Entrimo, Padrenda, Pondedeva, Cortegada, A Arnoia, Ribadavia, Beade, Leiro, Boborás, Beariz, Forcarei, A Estrada, Vedra, Boqueixón, Santiago de Compostela e o municipio portugués de Melgaço, como tentar conseguir “a súa oficialización para o próximo Ano Santo Xacobeo”, en 2021.“O obxectivo era establecer unhas liñas comúns de traballo e tamén dividilo, especializarnos”, engade Maceiras dunha iniciativa na que contan coa colaboración da Asociación Camiño Miñoto-Ribeiro, que agrupa aos concellos polos que transcorre a ruta.

Unha ruta na que a saúde é parte da súa historia

Esta posta en común contribuirá tamén a avanzar en ámbitos concretos do estudo do camiño, como o que centra o labor dos grupos MP1 e Hygieia, coordinados por Maceiras, respecto da incidencia que tivo este camiño no eido da saúde pública. “Este camiño ten dúas características que o diferencian de todos os demais”, salienta esta investigadora, en alusión ao número de hospitais medievais que existiron a carón da ruta, rexentados pola Orde de San Xoán de Xerusalén, tamén chamada Orde de Malta, e polo “importante peso específico” que tiñan as augas mineromedicinais. De feito, xunto aos antigos hospitais, un dos eixos actuais do traballo que realiza o grupo de Maceiras, coa colaboración da Cátedra Hidroloxía Médica da USC, atópase en elaborar un censo “daquelas fontes que non se converteron en balnearios e que nalgúns puntos seguen a ser lugares ás que vai a xente con problemas de saúde”.

Arte para dar a coñecer o camiño

Co obxectivo de visibilizar esta antiga ruta, tanto desde unha óptica xeral como nos propios concellos que atravesa, a Área de Medicina Preventiva e Saúde Pública, coa colaboración do colectivo Medicina e Arte en Galicia e da asociación que agrupa aos concellos da ruta, puxo en marcha en 2013 Queremos SaudArte dende o Camiño Xacobeo Miñoto-Ribeiro. Unha exposición colectiva que desde marzo atópase no concello ourensán de Castelo de Miño, onde poden contemplarse as obras achegadas por máis de 40 creadores e creadoras e que, como explica Maceiras, vai incorporando no seu paso por diferentes municipios as achegas de artistas locais e obras cedidas polos concellos. E tamén, obras de membros da comunidade universitaria, como a alumna de Fisioterapia Daniela Puga, que achega a est¡a unha cuncha e un acio realizado con xabón natural elaborado con augas do balneario de Berán; ou da egresada desta facultade Tania Boo, así como PAS Xabier de Novás, que suma unha fotografía a unha exposición que poderá visitarse en Castrelo de Miño ata o 5 de xuño e que posteriormente trasladarase ao municipio de Ribadavia.