Máis de seis séculos despois que un autor descoñecido a crease, xa é posible ler e mesmo recitar en galego Sir Gawain and the Green Knight. Considerado o mellor romance artúrico da lingua inglesa, a obra, escrita na segunda metade do século XIV, relata en 2530 versos, como Sir Gawain, cabaleiro da Táboa Redonda, acepta o reto do Cabaleiro Verde, que desafía a calquera a batelo a cambio de entregarlle o seu machado, para que cumpra con el a súa vontade. Ser o máximo expoñente do rexurdimento aliterativo, unido ao feito inédito ata ese intre na literatura medieval, de entretecer os tres temas arredor dos que xira a historia: o xogo do descabezamento, a tentación protagonizada por unha muller e o intercambio de ganancias entre heroes, fan de Sir Gawain e o Cabaleiro Verde unha das obras máis relevantes da literatura inglesa medieval. Como xa fixera hai tres anos con Beowulf, o profesor do Departamento de Filoloxía Inglesa, Francesa e Alemá Jorge Luis Bueno, aceptou o reto de acometer unha tradución na que investiu tres anos.
01/07/2014