DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Finn Kydland participará a vindeira semana en Soutomaior no Workshop on Dynamic Macroeconomics

Un Premio Nobel para asesorar aos mellores estudantes de doutoramento en economía

Será un dos expertos que valoren neste seminario os traballos de novos investigadores internacionais

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 01/07/2014

A décimo novena edición do Workshop on Dynamic Macroeconomics organizado polo Research Group in Economic Analysis (RGEA), contará coa participación do Premio Nobel de Economía en 2004, o noruegués Finn Kydland. O seminario, que terá lugar entre o 8 e o 10 de xullo no castelo de Soutomaior, reúne expertos de universidades europeas e estadounidenses que actúan como tribunal para a presentación de traballos científicos de estudantes de doutoramento e novos investigadores de todo o mundo.

Á fronte da organización están o catedrático da Universidade de Minnesota e doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo, Timothy Kehoe, e o profesor da Facultade de Ciencias Económica e Empresariais, Jaime Alonso, que explica que este simposio, que está a piques de cumprir 20 anos, é unha cita de referencia anual para os expertos en macroeconomía e para os investigadores novos. Deste xeito unha xeración consolidada de expertos comparte puntos de vista, consellos e avances científicos cunha nova fornada de economistas, permitindo ademais poñer á Universidade de Vigo no mapa mundial da investigación económica. Alonso subliña que o obxectivo é que “os estudantes de doutoramento, interesados en problemas macroeconómicos, conten cun foro no que presentar e discutir os seus traballos de investigación”. En concreto, presentaranse 15 traballos, cada un deles durante unha hora, diante de todos os asistentes para que sexan discutidos e avaliados. Polo tanto, puntualiza, “este evento ten tanto unha compoñente investigadora como unha compoñente formativa”.

Un evento que axuda a poñer á Universidade no escenario internacional

Jaime Alonso destaca a relevancia desta cita, que “está colaborando a situar a Universidade de Vigo no escenario internacional, pois vense de converter nun dos foros de discusión en análise macroeconómico de máis prestixio internacional”. De feito, apunta que moitos dos programas de doutoramento máis importantes no mundo están tomando este evento como un referente, e animan os seus estudantes a enviar os seus traballos para ser avaliados por investigadores de recoñecido prestixio. “Ademais, supón un importante estímulo para o grupo de investigadores en análise macroeconómico da Universidade de Vigo, xa que lles permite acceder directamente a traballos e investigadores que están na fronteira do coñecemento”.

Os consellos dun Nobel de economía

Os estudantes que presenten os seus traballos nesta décimo novena edición terán a oportunidade de recibir os consellos e suxestións dun Premio Nobel de Economía. Finn Kydland obtivo este galardón en 2004 xunto co profesor Edward Prescott, “quen tamén participou en pasadas edicións do workshop”, lembra Alonso, polas súas contribucións á macroeconomía dinámica e o seu traballo na consistencia temporal da política económica e as forzas impulsoras dos ciclos económicos. Kydland ocupa a Cátedra Henley de Economía na Universidade de California-Santa Bárbara, e a Cátedra Honorífica Richard P. Simmons na Escola de Negocios Tepper da Universidade Carnegie Mellon, onde obtivo o seu doutoramento.

Pero ao tratarse dun foro de carácter específico, o Nobel de Economía ofrecerá tamén un relatorio aberto a toda a cidadanía o mércores 9 ás 19.00 horas organizado por Afundación, antiga Fundación Novacaixagalicia. Na súa intervención afondará no papel da política económica durante as crises económicas baseándose na súa experiencia e coñecemento. Nela presentaranse as experiencias dalgúns países, avaliando as súas políticas económicas durante o período de crise. Todo isto co obxectivo de fundamentar recomendacións de política económica no contexto da crise actual.

Entre as achegas fundamentais de Kydland e Prescott están o descubrimento de imperfeccións ou problemas de credibilidade inherentes á capacidade dos gobernos para implementaren políticas económicas óptimas. Esta idea da inconsistencia temporal no deseño da política económica tivo tal impacto que abriu as portas a unha nova liña de investigación en economía que cambiou a forma de estudar e pór en práctica a política económica. A súa segunda achega está relacionada coas flutuacións nos ciclos económicos, demostrando como as variacións no desenvolvemento tecnolóxico, principal fonte de crecemento a longo prazo, poden provocar flutuacións de curto prazo. Esta achega converteuse nun novo paradigma operativo para a análise macroeconómica baseada en fundamentos microeconómicos.

15 traballos de todo o mundo

Neste simposio presentaranse 15 traballos de estudantes de doutoramento de todo o mundo. O profesor Carrera explica que foron seleccionados “entre os máis de 40 enviados de programas tanto de España como doutros países de Europa e de Estados Unidos. Entre os expertos internacionais que participan neste evento destacan, ademais do propio Alonso, Kydland e Kehoe, a profesora de Antonia Díaz, da Universidade Carlos III de Madrid; Arpad Abraham, da European University Institute; Franck Portier, da University of Toulouse; Omar Licandro, do Instituto de Análisis Económico, CSIC; Wyatt Brooks, da University of Notre Dame, Canada; Kim Ruhl, da New York University; Cesar Sosa-Padilla e Pau Pujolas, da McMaster University, Canada xunto con investigadores da Universidade de Vigo.