Un grupo de científicos da área de Enfermidades Infecciosas, Inflamación e Inmunidade de Biocaps está a participar nun proxecto para impulsar o diagnóstico precoz do virus de inmunodeficiencia humana (VIH), causante da Sida, desde os centros galegos de atención primaria. O obxectivo deste estudo, promovido pola Sociedade Galega Interdisciplinaria da Sida (Sogaisida), é reducir o índice de diagnósticos tardíos desta infección, que en Galicia ascende ao 50% e en España ao 65% e, por conseguinte, “mellorar as perspectivas dos pacientes e diminuír os contaxios”, tal e como subliña desde o Instituto de Investigación Biomédica de Vigo o doutor Antonio Ocampo, investigador principal do proxecto. Este domingo 1 de decembro celébrase o Día Mundial de Loita contra a Sida, e desde Biocaps aproveitan esta data para dar a coñecer os avances que, dende Galicia, se están a conseguir nesta carreira de fondo.
29/11/2013