DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Humsat-D, primeiro satélite da ONU, xa opera trala súa posta en órbita esta mañá

Máis espazo para a Universidade

En tan só ano e medio a institución académica lanzou dous cubesats

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
DUVI 21/11/2013

Eran as 11.21 h cando na estación de seguimento da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación recibíase a confirmación de que o Humsat-D estaba en órbita e funcionando. Púñase así o colofón a unha mañá de tensión e expectación para os integrantes do Agrupamento Aeroespacial da Universidade de Vigo que ao longo dun ano traballaron no desenvolvemento dun proxecto de dimensión mundial, Humsat, posto en marcha en colaboración coa ONU e a Axencia Espacial Europea e orientado ao fomento de capacidades no sector espacial, sobre todo en países emerxentes. Pouco despois das 08.00 horas, co lanzamento do foguete Dnepr desde o cosmódromo ruso de Yasni, comezaba unha nova xornada histórica na carreira aeroespacial da Universidade de Vigo que a día hoxe conta con dous satélites no espazo, o Xatcobeo e o propio Humsat-D que, cunha vida útil de dous anos, permitirá facer unha proba completa do sistema, recollendo datos e verificando o funcionamento da constelación antes de que os oito satélites que a completan sexan postos en órbita. A emoción e mesmo as bágoas nun día cualificado como “histórico”, deixaron paso aos agradecementos ás preto de 150 persoas que ao longo dos últimos meses participaron deste proxecto que ten como principal entidade financiadora ao Ministerio de Ciencia y Tecnología a través do Plan Nacional del Espacio.

Minuto a minuto na estación terrea

Madrugaron máis ca ningún outro día. Era aínda completamente de noite cando a iso das 7.30 horas da mañá chegaron a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e, máis concretamente, á estación de seguimento, o lugar onde finalmente poderían comprobar se todo o planificado durante o último ano e medio sairía segundo o previsto. Era unha cita importante e non faltou ninguén: Fernando Aguado, José Antonio Vilán e moitos outros profesores e alumnos que viviron todo o proceso. O nerviosismo propio dunha data que se leva agardando moito tempo estaba presente en cada un dos seus rostros, pero se en algún se podía ‘palpar’ mellor ca en ningún outro esta sensación era no do coordinador do proxecto, Fernando Aguado.

As oito e cinco da mañá comeza a conta atrás. Xa están todos os equipos a pleno rendemento. Desde Yasni non ofrecen imaxes en directo, pero poden seguir todo o proceso a través da Estación de Control de Vuelo Espacial de Ecuador, único lugar xunto con Sudáfrica desde onde se recibe sinal de vídeo en tempo real. Eles tamén envían un picosatélite similar ao vigués e a expectación é enorme, só un detalle: na estación de seguimento están, entre outras moitas autoridades, o presidente do goberno ecuatoriano.

As 08.11 h, hora española, chega a confirmación: o foguete ruso Dnepr no que vai o Humsat- D foi lanzando con éxito! Os nervios non diminúen. Agora todos están pendentes de Unisat-5, o satélite nodriza. As 08.25 h. chega unha nova confirmación: Unisat-5, xa está lanzado. Os nervios van en aumento. Todo vai segundo o previsto, pero... “Son tantas as cousas que aínda poden pasar!”, subliña Aguado, que calcula que será arredor das 09.15 horas cando finalmente o Humsat-D será lanzado do satélite nodriza e, arredor de media hora despois, cando despregue antenas e “se nada falla” comece a transmitir, pero tampouco nese intre poderán saber se todo vai ben, “pois aínda non podemos recibir a sinal”.

Coa tensión en aumento, seguen ao detalle nun gran mapa do mundo o itinerario que debería estar facendo o Humsat-D. Debería moverse de este a oeste a unha velocidade de 8 km por segundo, unha órbita completa en apenas hora e media. Hai que seguir agardando! Chegará a ceo europeo a iso das 11.15 horas. O movemento das agullas dos reloxos semellan ralentizarse... A expectación é máxima. Ex-alumnos que formaron parte do proxecto Xatcobeo seguen o lanzamento dende as instalacións da ESA, están en contacto permanente cos seus compañeiros da EE de Telecomunicación. Comparten o seu nerviosismo e tamén a súa ilusión.

Son as 11.10 h. Chegou o momento! Agora o silencio ten que ser absoluto. En apenas uns minutos poderán coñecer se todo foi ben. Son as 11.15 h, o ansiado ‘pitido’ non chega... As 11.16 h e segue sen chegar... “.. E se algo falla... E se as cousas non saen ben...” De súpeto... bic, bic, bic... cada vez máis alto, cada vez máis claro! Os nervios desaparecen e chega o momento da satisfacción e, sobre todo, da emoción... ¡Todo foi ben! ¡A Universidade xa ten o seu segundo satélite en órbita! Abrazos, aplausos, e mesmo algunha bágoa... Por qué non? “Fixémolo unha vez, e repetímolo agora. Vigo xa está na carreira espacial”.

A historia aeroespacial da ONU comeza en Vigo

Na comparecencia pública que tivo lugar na sala I do Edificio Miralles trala recepción do son emitido polo Humsat-D, tanto os integrantes do equipo, como o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, insistiron na importancia de que a institución conte con dous satélites no espazo nun período de tan só ano e medio. Unha satisfacción que o reitor estendeu á Organización das Nacións Unidas, asegurando que “a ONU ten que estar contenta porque ten o seu primeiro satélite, o primeiro satélite dunha constelación que ten unha misión claramente humanitaria e isto empeza hoxe aquí”. Coa vista posta no futuro Mato sinalou o sector comercial como o próximo obxectivo, “o salto cualitativo son os satélites comerciais para dar servizo a gobernos, axencias e corporacións empresariais, e tamén ser competitivos nas posibilidades que nos vai brindar Europa no Horizonte 2020. Un nivel de traballo comercial que teña un resultado económico e desenvolvemento social para o país para Galicia e Vigo”, sinalou o reitor, que reivindicou o papel de Vigo como centro de coñecemento.

“É moi importante o que a Universidade de Vigo está a acadar”, asegurou Fernando Aguado, que agradeceu o traballo desenvolvido por todos os integrantes do equipo, así como o apoio da institución académica. Tras confirmar, pasadas as 11.30 da mañá o estado nominal do satélite, o coordinador do proxecto informou que en dúas ou tres semanas procederase á análise dos subsistemas e calibración de cargas útiles e, posteriormente, á realización das probas cos sensores.

Pola súa banda o enxeñeiro Diego Nodar destacou a importancia de que a Universidade de Vigo forme a profesionais no ámbito aeroespacial cunha experiencia real “algo que poucas universidades poden dicir”, asegurou, ao tempo que agradeceu o traballo desenvolvido por un equipo que “remou na mesma dirección” para acadar un reto e un soño que finalmente puido cumprise.

“O ocorrido hoxe confirma que o éxito acadado hai ano e medio co Xatcobeo, non foi unha casualidade”, asegurou José Antonio Vilán, vicerreitor de Transferencia do Coñecemento que avanzou que o vindeiro ano lanzarase outro satélite, ao tempo que manifestou o seu convencemento de que “estamos na liña de facer cousas superiores”.

E despois de Humsat-D, que?

A historia aeroespacial da Universidade de Vigo que comezou en febreiro de 2012 con Xatcobeo, que desde o seu lanzamento ten orbitado máis de 9000 veces arredor da Terra durante os preto de 650 días que leva no espazo e continuou con Humsat-D, proseguirá con GENSO, a rede mundial de estacións de seguimento; ESEO e ESMO orbitadores nos que a Universidade colabora; Femtoxat o pequeno satélite de 250 gramos que previsiblemente será lanzado o vindeiro ano e Ballonxat, proxecto de lanzamento de globos estratosféricos. Así mesmo, a Universidade de Vigo negocia a súa participación na constelación xaponesa UNIFORM que incorpora cámaras para detectar lumes e tamén a temperatura do mar. En canto ás posibles aplicacións a medio e longo prazo de microsatélites, cómpre destacar o desenvolvemento de constelacións LEO de micro, nano, pico e femtosatélites, así como unha rede mundial de segmentos terreos conectados por internet e a cobertura mundial con seguimento en tempo real.