Arredor de 400 estudantes chegados de todo o territorio nacional disputarán esta fin de semana os campionatos universitarios de España nas modalidades de orientación e taekwondo, organizados un ano máis pola Universidade de Vigo. “É unha satisfacción para o Servizo de Deportes organizar de novo este evento que albergará no campus a centos de deportistas”, sinalaba o seu responsable Javier Rial no acto de presentación. Na mesma liña amosábase Mª Carmen Cabeza, vicerreitora de Extensión Cultural e Estudantes, que agradecía “a colaboradores, patrocinadores e participantes o seu interese e esforzo para levar a cabo este proxecto”.
Uns 250 taekwondistas e 150 corredores, procedentes de 29 universidades, compiten este sábado e domingo, 2 e 3 de maio, para acadar a marca máis alta do deporte universitario español. Xa antes, o venres, terán lugar a entrega de credenciais e as reunións técnicas.
28/04/2009