DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha reunión entre o reitor e o presidente da Deputación

Louzán e Gago analizan a transformación de Deseño Téxtil e Moda nun grao e a transferencia de Enfermaría

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 28/04/2009

A transformación do título propio de Deseño Téxtil e Moda nun grao e a transferencia da Escola de Enfermaría á Universidade centraron o encontro que nas últimas horas mantiveron o reitor da Universidade de Vigo, Alberto Gago e o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán que tamén analizaron o futuro da nova facultade de Belas Artes ou a posible implantación de estudos de Enoloxía no campus pontevedrés.
Á espera da confirmación do calendario que se adoptará a vindeira semana nunha reunión do padroado, tanto o reitor como o presidente da Deputación, manifestaron o seu interese en reforzar a titulación de Deseño Téxtil e Moda que “aspiramos que sexa un título oficial de grao”, apuntou Gago. Un interese compartido polo presidente da Deputación Provincial e que o reitor deixou claro “debe implicar un acordo bastante amplo entre as distintas partes interesadas en manter e potenciar os estudos”.

O futuro da Escola de Enfermaría e a implantación de estudos de Enoloxía

A transferencia á Universidade da Escola de Enfermaría foi outras das cuestións que Gago e Louzán analizaron no encontro. Unha cuestión sobre a que o presidente da Deputación foi claro á hora de manifestar que “non ten ningunha lóxica que a xestión do centro dependa da institución provincial” ao tempo que expresou a conveniencia de que “estas titulacións estean reguladas polas consellerías de Educación e Sanidade”. Mentes Louzán expresou a súa intención de traballar con novo executivo autonómico nesta dirección, o reitor da Universidade de Vigo reiterou a necesidade de que “cando antes exista un acordo coas consellerías de Educación e Sanidade para que os catro títulos de Enfermaría adscritos á Universidade de Vigo queden integrados con normalidade na mesma”.
En canto á posibilidade implantación de estudos de Enoloxía no campus pontevedrés, Gago e Louzán coincidiron na necesidade de estudar cales son os títulos máis axeitados e con que perfil se implantan. O presidente da Deputación considera que “o campus de Pontevedra debe contar no seu novo mapa de titulacións cun ciclo académico sobre Enoloxía que reforce a un sector destacado das Rías Baixas”, unha opinión compartida polo reitor que asegurou que “á Universidade de Vigo interésalle este asunto por que existe unha evidente fortaleza do sector agroalimentario no noso ámbito de influencia”.

Segue a espera pola nova facultade de Belas Artes

En relación coa construción da nova facultade de Belas Artes Gago aclarou que o rexistro do solar dos terreos de Tafisa nos que se localizará o centro, é o trámite que neste intre impide o inicio das obras.
No seu encontro co rexedor provincial, Gago deixou clara a aposta da Universidade por ampliar o campus xa que “cómpre xerar capacidade para outras titulacións no futuro”. A construción dunha nova ponte peonil ata o outro lado do río, foi unha das actuacións que o reitor apuntou dentro da aposta da Universidade por ampliar o campus de Pontevedra.