Este martes arrancou no campus de Ourense a celebración de Spheric 2017, o 12th International Smoothed Particle Hydrodynamics European Research Interest Community Workshop. A cita, organizada polo grupo da Universidade de Vigo Ephyslab, Environmental Physics Laboratory, e o Flanders Hydraulics Research, reúne a 120 expertos e expertas en simulación de fluídos procedentes de 21 países. Durante os tres días de encontro, levaranse a cabo 60 presentacións nas que se afondará nas últimas novidades tecnolóxicas e de aplicación do modelo computacional SPH, modelo emerxente que se emprega principalmente para realizar todo tipo de simulacións de fluídos, desde o impacto das ondas na costa ata a colisión de galaxias. “A resposta á convocatoria deste workshop en Ourense foi moi boa, superando a cifra de participantes de anteriores edicións”, destacou Alejandro Cabrera en nome do comité organizador.
13/06/2017