DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un equipo de 20 persoas traballará durante o mes de xullo neste xacemento de Allariz

Os arqueólogos volverán a Armea para deixar ao descuberto a súa atalaia e sondar a zona das Pioucas da Santa

A intervención será realizada un ano máis polo Grupo de Estudos en Arqueoloxía, Antigüidade e Territ

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 29/06/2017

Rematar de escavar a finca da atalaia, de propiedade municipal, deixando toda esta zona exposta ao público, e realizar varias sondaxes na contorna do xacemento da "Cibdá de Armea" para ver a súa posible potencialidade expositiva para o futuro, entre elas, a zona das Pioucas da Santa. Con estes obxectivos presentouse este xoves a campaña 2017 de escavacións arqueolóxicas en Armea, no Concello de Allariz. Un equipo de 20 persoas liderado por arqueólogos do Grupo de Estudos en Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo (Geaat) volverá en xullo á zona para continuar sacando á luz un xacemento do que estiman só está descuberto arredor dun 5% da súa superficie. Esta actuación verase complementada cunha intervención en San Salvador dos Penedos, concretamente no Castelo de Malpaso e a súa contorna.

A campaña, que se desenvolverá ao longo de todo o mes de xullo financiada polo Concello de Allariz, foi presentada na localidade ourensá por Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense; Francisco García, alcalde de Allariz, e Adolfo Fernández, director xunto a Fermín Pérez da campaña. Agradecendo a confianza depositada por este concello no grupo da Universidade de Vigo, Virxilio Rodríguez destacou como este proxecto recolle nos seus obxectivos as diferentes misións que cumpre a universidade, como son a docencia, a investigación e a transferencia, ademais do “seu compromiso coa cultura galega e o seu territorio”. Lembrando como a iniciativa se enmarca nun convenio asinado hai tres anos entre a institución académica e o goberno local, o vicerreitor salientou como esta colaboración ten sido exemplo para a posta en marcha de iniciativas similares con outros concellos da provincia. Pola súa banda, o alcalde de Allariz destacou “a súa satisfacción por esta colaboración continua” e a importancia de que “o territorio poña en valor os recursos que ten”. Deste xeito, dixo Francisco García, accións como as levadas a cabo en Armea amosan como “do patrimonio se pode facer un activo económico”.

Buscando máis zonas musealizables

Segundo explicou Adolfo Fernández, o xacemento de Armea ten a particularidade de “estar moi pouco escavado”, o que fai que “estea todo por facer” e que o que se faga haxa que facelo con moito tino para “recoller todos os datos arqueolóxicos porque non hai volta atrás”. Esta cuarta intervención arqueolóxica no enclave, indicou o arqueólogo do Geaat, márcase como obxectivo deixar na súa totalidade escavada a zona da atalaia do castro que está nunha finca de propiedade municipal. Ademais, engadiu, levaranse a cabo actuacións de sondaxe en fincas privadas próximas co permiso dos veciños e unha sondaxe na zona das Pioucas da Santa na que se afondará no coñecemento das estruturas circulares e muros que se observan nela, respectando a integridade deste espazo de culto. Trátase, apuntou, “de ver se hai potencialidade para seguir actuando”. “O que buscamos é expandir a intervención a zonas de escavación con potencial de musealización, de abrir outra grande área de musealización”, comentou o director da campaña, cuxo traballo de campo estará dirixido pola arqueóloga do Geaat Patricia Valle.

150 solicitudes para participar

Durante a presentación, Adolfo Fernández tamén fixo fincapé na “repercusión a nivel nacional enorme” que ten a realización desta campaña polo seu carácter de curso arqueolóxico. Deste xeito, indicou, “recibimos máis de 150 solicitudes de estudantes de boa parte das universidades de España e tamén do estranxeiro, como Portugal e países doutro lado do charco” para participar nas escavacións. Esta demanda, apuntou, sitúa a actividade en Armea ao nivel doutros cursos arqueolóxicos referentes no ámbito estatal. Dadas as características da campaña que se levará a cabo no Concello de Allariz, só poderán participar nela 14 alumnos e alumnas, entre eles estudantes en réxime de prácticas da Facultade de Historia do campus de Ourense.

Os traballos da intervención decorrerán pola maña e pola tarde realizaranse prácticas de traballo de laboratorio onde os alumnos e alumnas aprenderán o tratamento básico do rexistro de materiais arqueolóxicos. Tamén se levarán a cabo saídas para visitar xacementos da contorna. Ademais do equipo técnico que participará na campaña e dos estudantes, o Concello de Allariz achega á intervención catro obreiros municipais que levarán a cabo tarefas de apoio, entre eles dous canteiros que participarán tamén na campaña de conservación e restauro. Durante a intervención está previsto que se renoven os paneis informativos do xacemento e se coloquen novos recursos informativos. Ademais levaranse acabo as actividades divulgativas doutros anos, con obradoiros arqueolóxicos xestionados por Xeitura para nenos e nenas e visitas guiadas. Tralo traballo de campo no mes de xullo, a actividade continuará no campus de Ourense co procesado dos materiais e a realización de publicacións científicas. Por último, no mes de outubro terá lugar a campaña de conservación e restauro de todos os restos exhumados durante o mes de xullo.

San Salvador dos Penedos

Tal e como se explicou este xoves na presentación, ademais desta campaña en Armea, Patricia Valle desenvolverá en setembro o proxecto Descubrindo o Allariz vello. Revalorización patrimonial e paisaxista do xacemento do Castelo de Malpaso e a súa contorna. A iniciativa contará, ademais de co apoio do Concello de Allariz, con financiamento ca convocatoria de axudas de investigación Inou 2017 da Vicerreitoría do campus de Ourense e a Deputación Provincial. Con ela, os arqueólogos darán continuidade ao proxecto desenvolvido o pasado ano de intervención en San Salvador dos Penedos.