DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coordinado pola profesora Eulalia Agrelo, desenvolverase do 27 ao 30 de marzo no Pazo da Cultura

Lusofonía e revolución, eixos do II Congreso Internacional de Mediación Lectora

Insírese na programación do Salón do Libro Infantil e Xuvenil

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Lingua Galega
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 13/02/2019

Orientado a profesorado en exercicio, a futuros e futuras docentes, a técnicos de bibliotecas e a todo tipo de actores vinculados á selección e provisión de materiais de lectura á infancia e mocidade, o II Congreso Internacional de Mediación Lectora celebrará a súa segunda edición entre o 27 e o 30 de marzo, no marco das actividades do XX Salón do Libro Infantil e Xuvenil. Farao situando a lusofonía e a revolución como eixos dun foro que, como explica a profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e coordinadora do congreso, Eulalia Agrelo, achegará ao Pazo da Cultura de Pontevedra “persoas de renomeado prestixio dentro do ámbito da literatura infantil e xuvenil”, chegados desde Brasil, Portugal ou Angola, como o escritor e ilustrador Roger Melo, gañador do Premio Hans Cristian Andersen , “considerado o Nobel da literatura infantil e xuvenil”, ou a escritora, tradutora e ilustradora Marina Colasanti, distinguida co premio iberoamericano de SM.

Promovido polo Concello de Pontevedra, a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e a rede de investigacíon Lijmi (Literaturas Infantiles del Marco Ibérico e Iberoamericano), a segunda edición deste congreso xirará arredor da temática que neste 2019 centra o Salón do Libro Infantil e Xuvenil, as revolucións, “que van a ser vistas desde diferentes prismas”, á vez que terá como “fío condutor” as comunidades lusófonas, explicou Agrelo, que este mércores presentou este evento no Concello xunto á concelleira de Cultura, Carme Fouces. “O congreso arrincou o ano pasado dando resposta a unha sensación que tiñamos, que era a necesidade de formación por parte do profesorado e alumnado na literatura infantil e xuvenil”, apuntou Fouces dun evento que “reafirma a colaboración entre Concello e Universidade” e que tivo que aumentar a 150 as súas prazas na súa edición inaugural. Prazas coas que agora parte de inicio un congreso que aumenta a súa extensión a catro días, durante os que se sucederán  conferencias, mesas de debate e talleres, complementados á súa vez por diferentes presentacións de obras “que dalgunha forma abordan a temática que se  concita arredor deste congreso”, salientou Agrelo.

Compartir experiencias para formar lectores competentes

“É un congreso que se fai máis ca nunca necesario”, defendeu Agrelo, quen alertou, pese a que “cada vez lemos máis”, dunha diminución “da calidade da nosa lectura” e tamén da “competencia lectora”. Nese senso, incidiu en que se ben as novas tecnoloxías “ofreceron novos formatos, con elas viñeron tamén novos códigos moito máis fragmentados” que fan máis difícil “trazar un itinerario lector que nós consideramos importante establecer se queremos ter un lector capaz”, itinerario que ao seu xuízo debe ter como “punto de arrinque” a literatura infantil e xuvenil. Co propósito de debater sobre estas cuestións e coñecer diferentes experiencias e técnicas que “poidan dalgunha forma incidir neste proceso formativo de carácter lector” este II Congreso Internacional de Medicación Lectora presenta un “programa moi amplo e diversificado”, do que forman parte figuran profesinais “recoñecidos cos mellores premios dentro da literatura infantil e xuvenil”, como  Marina Colasanti, responsable da conferencia inaugural, ou o brasileiro Roger Melo, quen o xoves 28 protagonizará unha “conversa aberta” co tamén escritor e ilustrador Xosé Cobas. Tamén desde Brasil chegará o especialista en literatura infantil e xuvenil Volnei Canónica, mentres que Portugal estará representada, entre outros, polo escritor e investigador José António Gomes, quen abordará “a representación da Revolución dos Caraveis na literatura infantil”. O sábado 30, o congreso contará co poeta e tradutor angolano Zetho Cunha, responsable da conferencia de clausura, que se verá sucedida pola actuación musical de Su Pombo, “que interpretará unha serie de pezas nas diferentes linguas que integran a lusofonía”. 

Importante peso das novas tecnloxías

O programa do congreso inclúe tamén unha serie de mesas de debate que reunirán a escritores como os galegos Rosa Aneiros e Carlos Negro e a portuguesa Ana Pesosa; ilustradores como o venezolano Fanuel Hanan e a Premio Nacional de Ilustración lusa Ana Biscaia. Estes coloquios abordarán así mesmo cuestións como as experiencias das bibliotecas escolares en Galicia e Portugal ou relacionadas coas novas tecnoloxías, “que van ter un peso fundamental neste congreso”, apuntou Agrelo, que incidiu na necesidade de abordar “cales son as novas canles de lectura a partir dos medios e espazos dixitais”. 

Nese senso, as novas tecnoloxías serán tamén un dos eixos dos 15 talleres que completan o programa e dirixidos a abordar “dunha forma práctica” os diferentes aspectos a debate, poñendo o foco tamén nos “xéneros canónicos”, a narrativa, a poesía e o teatro, así como noutras manifestacións artísticas.