DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nova circulacion

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Académica
DUVI Ourense 25/10/2022

A Área de Dereito Mercantil da Facultade de Dereito do campus de Ourense celebrou este martes o obradoiro O seguro obrigatorio de responsabilidade civil pola circulación de vehículos de motor e a nova Directiva (UE) 2021/2118. Nel, María José Morillas, catedrática de Dereito Mercantil da Universidad Carlos III de Madrid, afondou co alumnado do centro nas novidades normativas neste eido.

A actividade estivo dirixida por Ana María Tobío, catedrática de Dereito Mercantil da UVigo, e Juan Manuel de los Ríos, profesor titular desta área e vicedecano da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo. Na súa intervención, María José Morillas analizou “as novidades que introduce a última directiva europea sobre responsabilidade civil na circulación de vehículos de motor, que é unha materia de enorme importancia polo número de persoas que falecen e resultan lesionadas cada ano”. Ao longo da súa intervención, abordou “en que medida vai haber que modificar a lexislación española para incorporar as novidades que introduce esta directiva” e tamén falou “das materias nas que a nosa lexislación está perfectamente alienada co dereito europeo”. Segundo indicou a experta, ante esta directiva “temos de prazo ata finais do ano que vén para adaptar o dereito por iso é un bo momento para ver en que posición estamos”.

Cobertura das vítimas

A catedrática de Dereito Mercantil salientou que a primeira novidade que introduce esta Directiva (UE) 2021/2118 “é a nova definición de vehículo, que dá entrada a unha posible cualificación como tal dos novos vehículos de mobilidade persoal e dos vehículos autónomos”. Igualmente, indicou, introduce melloras nos niveis de cobertura mínimos obrigatorios, elevando a protección das vítimas, e engade a necesidade de que o consorcio de compensación de seguros asuma a reparación dos danos nos casos nos que a aseguradora está en liquidación ou en concurso. “É dicir, esta directiva afianza a visión do lexislador europeo de incrementar a protección das vítimas, entendendo por vítimas non só aos ocupantes do vehículo que non foi responsable do accidente senón tamén aos peóns, ciclistas, etc”, afirmou a experta.

En comparación co actual marco normativo que se aplica no contexto estatal, María José Morillas sinalou que “por exemplo, nos niveis de cobertura, España está por riba dos mínimos que esixe a nova directiva europea pero en outras materias si que é necesario adaptar a nosa lexislación”. Entre este último suposto citou as novas funcións do consorcio de compensación de seguros, que ata o de agora, indicou, “asumía en certa medida a reparación dos danos cando a aseguradora é insolvente pero a directiva europea xa contempla maior alcance”.