DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha xuntanza celebrada en Ourense tras a acreditación do Campus Auga

Os tres campus de especialización do SUG exploran vías de cooperación

Contando co apoio da Xunta de Galicia

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
  • Medio Ambiente
  • Institucional
DUVI Ourense 19/03/2024

O campus de Ourense acolleu a celebración da primeira xuntanza entre responsables dos tres campus de especialización do Sistema Universitario de Galicia (SUG) acreditados pola Xunta de Galicia. Trátase do Campus Industrial de Ferrol, da Universidade da Coruña; o Campus Terra de Lugo, da Universidade de Santiago de Compostela, e do Campus Auga de Ourense, da Universidade de Vigo.

A reunión, que tivo lugar o pasado venres, contou coa participación de Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense; Roberto Ignacio Fernández, director do Campus Auga; Ana Isabel Ares, vicerreitora do campus de Ferrol e Responsabilidade Social da UDC; Marcos Míguez, director do Campus Industrial de Ferrol; María Elvira López, delegada do reitor para o Campus Terra, e técnicas e técnicos dos respectivos proxectos de especialización. Este primeiro encontro celebrouse en Ourense por ser o campus máis recentemente acreditado, o pasado mes de febreiro. Por este motivo, arrancou cunha presentación do Campus Auga na que se explicou a súa evolución e principais características. Tras esta introdución, responsables e persoal técnico intercambiaron información sobre os respectivos campus de especialización e abordaron a necesidade de establecer liñas de cooperación e colaboración entre eles.

Establecendo sinerxías

A xuntanza contou co apoio da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, que amosou o seu firme compromiso con esta colaboración conxunta entre os tres campus de especialización, xa que permitirá impulsar sinerxías e accións estratéxicas no eido da investigación. Así pois, esta cooperación suporá un beneficio directo no fortalecemento das estruturas dos campus non centrais, aproveitando as súas potencialidades e facéndoos máis competitivos e especializados. Precisamente con este obxectivo, o Goberno galego lanzou en 2013 o Programa de Especialización dos Campus do Sistema Universitario de Galicia e o outorgamento da acreditación de especialización, o selo de excelencia que os recoñece como tal.