Para celebralo desenvolveranse diferentes actividades arredor deste xacemento
O proxecto arqueolóxico de Armea cumpre unha década
Este venres presentouse unha mostra na que participa unha vintena de artistas
Este ano 2021 celébrase unha década do proxecto arqueolóxico de Armea, nado en 2011 no marco da colaboración entre o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo (GEAAT) e o Concello de Allariz, onde se sitúa o xacemento. Co gallo deste aniversario, desenvolverase un amplo abano de actividades que, seguindo a mesma filosofía da iniciativa, “buscan a interacción cos diferentes sectores da contorna e así achegar o proxecto á cidadanía”. Este venres presentouse a primeira das súas accións, a exposición Armea, a visión dos artistas locais.
“O Concello de Allariz e Universidade de Vigo camiñan neste 2021 cara a celebración do X aniversario do proxecto arqueolóxico de Armea, nado en 2011 e que de forma ininterrompida chega a unha década de traballos e a consecución dos obxectivos planeados nun inicio”, explican en nota de prensa desde o órgano municipal allaricense. As acción previstas de celebración, detallan, buscan divulgar o proxecto e o patrimonio como ferramenta para o desenvolvemento rural do territorio.
Unha ollada desde a arte
A programación arrancou este venres na Paneira, en Allariz, coa presentación da mostra Armea, a visión dos artistas locais, onde preto dunha vintena de creadores deste concello amosan a súa visión da Cibdá de Armea e a súa contorna. “Os artistas e artesáns colaboran coa posta en marcha desta exposición onde queda reflexada a visión que eles teñen do xacemento. Obras de diferentes disciplinas artísticas como son a pintura, a escultura, o gravado e a fotografía. Unha óptica diferente, tantas visións coma artistas para pór en valor a beleza plástica do xacemento e a súa contorna”, sinalan os promotores da inicaitiva sobre ela. Dentro desta exposición está tamén María Lázuli, orfebre de Allariz, que reproduciu unha caixa de selo atopada no xacemento e realizou distintas pezas de xoiería que tamén se poderán ver dentro desta mostra, que estará aberta ata o 25 de xullo.
Na súa presentación, Cristina Cid, alcaldesa de Allariz, agradeceu a colaboración e apoio de todos eles “para facer que esta exposición sexa o arranque dun verán cheo de actividades para celebrar estes dez anos e para achegar o proxecto a toda á cidadanía”. Tamén agradeceu a implicación da Universidade de Vigo e do director das escavacións, Adolfo Fernández, por apostar por este proxecto dende os inicios. Pola súa banda Adolfo Fernández, vicedecano da Facultade de Historia do campus de Ourense e director do proxecto arqueolóxico de Armea, “valorou a importancia deste tipo de actividades para que todos e todas poidamos coñecer o noso patrimonio dunha forma diferente e atractiva e poidamos achegarnos así a toda a riqueza que ten a Cibdá de Armea”.
Máis actividades
Outra das actividades programadas para a celebración do X aniversario do proxecto Armea que permanecerá durante todo o verán aberta ao público será unha exposición en forma de lonas repartidas polo casco histórico de Allariz, na que se darán a coñecer os traballos realizados no xacemento ao longo desta década de escavacións. Esta exposición de rúa arrancará a vindeira semana. Por outra banda, indican desde o Concello de Allariz, tamén se editou un Roteiro Arqueolóxico Etnográfico de Armea e Santa Mariña de Augas Santas en formato papel e electrónico e no que se realiza unha explicación dos puntos máis representativos do percorrido. Dentro do folleto editado do roteiro atópase un código QR que permite realizar a ruta virtual marcada para facilitar o paseo por Armea e Santa Mariña de Augas Santas. Xa no mes de outubro celebraranse unhas xornadas divulgativas organizadas entre o Concello de Allariz e a Facultade de Historia do campus de Ourense.
A principios do mes de xullo está previsto que comece a tempada 2021 de escavacións arqueolóxicas no xacemento. O GEAAT volverá a intervir un verán máis na cibdá galaico-romana de Armea, na parroquia de Santa Mariña de Augas Santas, no marco do convenio de colaboración existente entre a institución académica e o Concello de Allariz. A campaña arqueolóxica desenvolverase durante todo o mes de xullo e nesta ocasión o obxectivo será ampliar a zona de escavación cara o leste. A Cibdá de Armea, lembran desde o grupo de investigación, está considerada “un referente para a arqueoloxía galega e peninsular”. Trátase, indican, dun xacemento único de orixe romana ocupado ex novo arredor do século I despois de Cristo e abandonado no III. As intervencións anuais realizadas no castro apuntan a que este enclave foi “unha auténtica cidade romana”, rica e de prestixio segundo os restos atopados ata o momento, que suporía despois da cidade de Lugo o principal tecido urbano de época romana de Galicia. Os traballos levados a cabo en cada campaña son financiados polo Concello de Allariz, contando o pasado ano por primeira vez co apoio económico da Xunta de Galicia, da Dirección Xeral de Patrimonio.