A UVigo organiza este simposio da Academia Europea de Dirección e Economía da Empresa
A resiliencia e a sostibilidade centrarán o congreso Aedem que se celebrará a finais de maio en Vigo
Os seus impulsores reuníronse este martes co alcalde da cidade, Abel Caballero
Entre o 31 de maio e o 2 de xuño, Vigo será a sede da trixésimo sétima edición do Congreso Científico de Aedem (Academia Europea de Dirección e Economía da Empresa), un foro de intercambio de experiencias docentes e investigadoras no eido da dirección e a xestión de empresas. A presidenta da asociación, Encarnación González Vázquez, catedrática do Departamento de Organización de Empresas e Márketing da Universidade de Vigo, reuniuse este martes o alcalde de Vigo, Abel Caballero, para dar a coñecer este evento, xunto cos responsables do comité organizador local, os profesores da Universidade de Vigo Jesús F. Lampón e Pablo Cabanelas, e a decana da Facultade de Comercio, Consuelo Currás.
O congreso está organizado conxuntamente por Aedem e pola Universidade de Vigo, sendo esta a terceira vez que se celebra en Galicia, tras o seu paso ao longo de máis de tres décadas de existencia, por Santiago de Compostela, Ourense e Sada. Ademais, esta cita, que se desenvolverá na sede de Afundación, permitirá recuperar a normalidade pre-pandemia polo que dende o comité organizador agardan que ademais dun congreso “de gran prestixio” sexa tamén un “espazo de encontro e intercambio de ideas que permitan o progreso individual e colectivo, de modo que, entre todos, contribuamos a lograr unha sociedade mellor”.
Resiliencia e na sostibilidade, eixo central da xuntanza
O congreso converterá a cidade nun “magnífico punto de encontro onde compartir e potenciar os nosos avances científicos en diversos escenarios, relacionados coa economía da empresa”, como explican os organizadores. En concreto, esta edición, a primeira que se celebra en Vigo, centrarase na resiliencia e na sostibilidade como claves dunha nova realidade empresarial. Como destacan os presidentes do comité organizador, “dende a crise económica e social provocada pola covid-19, co seu impacto directo na cadea de subministro global, ata a ocupación de Ucraína por parte de Rusia, estase tensionando a economía empresarial, institucional e familiar, e debemos axudar a atopar solucións”. Estas, engaden, pasan “por anticipar as tendencias que marcarán o futuro próximo no eido empresarial e axustar os modelos de negocio de forma acorde. Entre estes elementos de cambio será necesario integrar a sostibilidade en todas as súas vertentes, seguindo a lóxica da triple-bottom line: persoas, planeta e beneficios. Neste sentido, hai que responder moitas preguntas, pero existe unha crucial: como se están preparando as empresas para a transformación que vén?”. Precisamente, neste congreso o obxectivo é identificar e compartir as ideas e propostas que “contribúan a mellorar a resiliencia e sostibilidade do ámbito económico-empresarial, xa sexa rompendo paradigmas ou plantexando temas para a reflexión que provoquen inquedanza e suxiran novas preguntas. Só así podemos progresar como académicos e atender aos retos que están por vir”. Para acadar estes obxectivo o simposio contará con poñentes de diferentes países, con especial presenza de participantes de Iberoamérica.
En xeral, agárdase a participación de entre 200 e 300 investigadores, docentes, xestores públicos, emprendedores e empresarios, que ao longo de tres días poderán achegar as súas visións sobre o papel que deben xogar a resiliencia e a sostibilidade dentro das organizacións empresariais. Tamén participarán no simposio estudantes, que poderán presentar os seus traballos fin de grao e fin de mestrado e optar a algúns dos múltiples premios que se outorgarán.
No que atinxe aos contidos, o congreso abordará diversas áreas temáticas que van dende métricas de valor social, finanzas, contabilidade, recursos humanos, ética empresarial, organización, transformación dixital, márketing, educación e novas tecnoloxías do ensino, xestión do coñecemento e innovación, emprendemento, turismo, empresa familiar ou transporte e mobilidade.
Premios
Entre os participantes no congreso entregaranse varios premios, como o Premio Fundación Camilo Prado á mellor investigación no congreso; o Premio Feside á mellor investigación en finanzas; Premio ESIC á mellor investigación en márketing; Premio ESIC á mellor investigación en organización de empresas; Premio ESIC á mellor investigación en transformación dixital; Premio Cátedra Metropol-Parasol á mellor investigación en turismo; Premio European Journal of Family Business; Premio Aedem en innovación educativa; Premio Fundación Camilo Prado ao mellor traballo fin de grao ou mestrado; Premio Paco Cossío á mellor investigación realizada por un investigador novo e Premio Geaccounting á mellor investigación en métricas de valor social.
As persoas interesadas en participar no congreso presentando traballos, a data límite de envío dos mesmos é o 28 de febreiro. No que atinxe á inscrición, esta poderá formalizarse ata o 20 de abril.