DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cinthya Cevallos estudou a actividade de dous diarios na crise política de setembro de 2010

Unha tese analiza o papel dos medios ecuatorianos no “intento de golpe de estado” contra o goberno de Rafael Correa

A investigación incide no establecemento dunha “axenda mediática” que estimulou a conflitividade

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 14/02/2019

Tentar “encher un baleiro na análise da participación dos medios de comunicación ecuatorianos nos feitos ocorridos antes e durante” o 30 de setembro de 2010, xornada na que Ecuador viviu unha protesta policial durante a que o presidente Rafael Correa foi retido durante varias horas no interior dun hospital, constituíu o obxectivo central da tese de doutoramento da investigadora ecuatoriana Cinthya Cevallos, defendida na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Partindo da análise das noticias publicadas e da actividade en redes sociais nos tres meses previos ao 30 de setembro de dous dos periódicos máis representativos do país, o privado El Universo e o público El Telégrafo, Cevallos conclúe na súa investigación que os medios “estableceron unha axenda mediática que estimulou o estado de conflitividade”, nese período previo a “un dos sucesos que marcaron o goberno do presidente Rafael Correa, o intento de golpe de Estado executado o 30 de setembro”.

“Os eventos acontecidos aquel día amosaron a fraxilidade do sistema democrático ecuatoriano, revelando varios aspectos da loita dos diferentes suxeitos políticos e sociais por alcanzar o poder”, salienta Cevallos, profesora da Universidad de Cuenca, respecto dunha sublevación policial que foi cualificada polo Goberno ecuatoriano como un intento de golpe de estado. Dirixida polas profesoras da Facultade de CCSS e da Comunicación Montse Doval e Mercedes Román, a “orixinalidade” da tese Los medios de comunicación ecuatorianos como actores políticos: Una visión desde las teorías del swarming y agenda-setting en el caso del 30S radica en que se ben existen diferentes estudos “do que pasou ese día e nos días posteriores”, non se realizara ata agora unha investigación “desde o punto de vista mediático” do acontecido nos meses previos ao 30 de setembro. 

Neste punto, Cevallos subliña o “rol fundamental” que os medios de comunicación de masas xogan na formación da opinión pública. “Os contidos a través dos que os cidadáns forman a súa experiencia cognitiva do contexto no que viven proceden principalmente dos medios de comunicación de masas”,  sostén a xa doutora pola Universidade de Vigo, licenciada en Comunicación Social pola Universidad Politécnica Salesiana e enxeñeira en Contabilidade e Auditoría pola Universidad Técnica Particular de Loja, quen subliña que os medios de comunicación teñen sido “parte activa do proceso político que fixo de Ecuador un país altamente conflitivo, cun sistema político que se mantivo nunha permanente inestabilidade, produto das perturbacións internas e externas do sistema, derivadas da loita polo poder”.

Leis que xeraron unha "alta intensidade" informativa

Un dos puntos de partida da investigación de Cevallos é a idea da “axenda-setting ou establecemento de axenda”, que defende que a “presencia frecuente nos medios de comunicación de certos problemas ou temas fai que grandes segmentos do público os perciban como máis importantes que outros”. Nese senso, o estudo realizado das novas publicadas nos meses de xullo, agosto e setembro de 2010 permitiulle detectar a “alta” intensidade coa que estes dous xornais informaron dun “amplo conxunto de leis, moi controvertidas” e que centraron un total de 1100 noticias durante o período de estudo. “Isto amosa que estas temáticas foron posicionadas como relevantes no quefacer político e social ecuatoriano”, engade Cevallos, que comprobou tamén como esta serie de noticias ocupaban “posicións relevantes” nos xornais, como as portadas ou as páxinas impares, á vez que observou como esa intensidade informativa era aínda maior nos períodos “nos que se estaban discutindo estas leis na Asamblea Nacional”. 

Do mesmo xeito, a análise permitiu constatar “dúas visións diferentes” no relativo á forma de presentar estas noticias, a “aproximación positiva” no caso de El Telégrafo e a “perspectiva negativa” de El Universo.

Difusión en enxame, nas redes sociais

A tese, explica Cevallos, “amplía a análise a varios aspectos adicionais que sustentan a idea dun establecemento de axenda”, poñendo o foco tamén na actividade de difusión da información destes dous diarios a través da rede social Twitter no mesmo período de estudo. Esta análise, explica a investigadora, amosa unha “similitude no comportamento das temáticas tratadas”, xa que, pese a que a “natureza informal da rede social fai que as temáticas sociais e deportivas sexan as máis tratadas”, fóra destes ámbitos priorizáronse “as mesmas temáticas políticas que na versión impresa”. Na caso desta contorna virtual, engade Cevallos, “púidose facer un seguimento da difusión do fluxo de información”, mediante programas informáticos, que permitiu observar unha “estrutura de multidifusión e múltiple dirección”, acorde co chamado “modelo de swarming” ou de difusión en enxame, que establece “que a difusión se dá en múltiples direccións e múltiples etapas”, de tal xeito que “non son os influentes” os que permiten esa difusión, senón que estes aproveitan a existencia de “influenciadores que procesan e retransmiten a información do medio na súa área ou rede de influencia”, o que fai posible, conclúe, “unha gran difusión” destas noticias.