DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ciencias Sociais e da Comunicación conmemora esta semana o seu cuarto de século de traxectoria

25 anos formando comunicadores polivalentes

Preto de 30 titulados e tituladas protagonizan unha serie de coloquios ao longo da semana

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Reitor
  • Institucional
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 07/10/2019

Nas instalacións do antigo fogar provincial da rúa Sierra iniciou a súa andaina, no curso 1994-1995, a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. 25 anos despois, o centro do campus pontevedrés mira cara atrás para rememorar un cuarto de século marcado polo “esforzo por contribuír á formación de profesionais da comunicación e da xestión desde unha perspectiva multidisciplinar que os capacite para un mercado laboral en constante evolución”. Así o puxo de relevo o decano, Xosé Baamonde, no acto institucional que este mediodía abriu a semana grande desta conmemoración, un acto presidido polo reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, no que participaron oito dos decanos e decanas cos que contou o centro nestes 25 anos e no que se lle impuxo a insignia da facultade ao catedrático emérito da Universidad Complutense de Madrid Enrique Bustamante.

No curso 1994-1995, lembrou Baamonde, Ciencias Sociais e da Comunicación “comezou a súa andaina” coa posta en marcha da titulación de Publicidade e Relacións Públicas, “previamente deseñada polo decano-comisario Alejandro Pizarroso Quintero". Con Manuel Fernández Areal como primeiro decano, o centro comezou unha traxectoria de formación de “comunicadores polivalentes, que era como el os definía”, á que en 1999 se sumaron os estudos de Dirección e Xestión Pública e, en 2003, os de Comunicación Audiovisual, complementados a actualidade por “tres mestrados que permiten unha maior especialización nestes ámbitos”, lembrou Baamonde

O decano quixo así mesmo pór en valor o labor de “todos os que contribuíron a consolidar esta facultade como un referente para o sector da comunicación no país” nun acto que contou coa participación dos ex-decanos Alberto Pena, Xaime Fandiño, Xulio Pardellas, Fortunato Rodríguez, Daniel Martí, Juan Manuel Corbacho e Celso Cancela e da ex-decana Emma Torres, así como do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o vicerreitor do campus, Jorge Soto. “O tecido empresarial e a sociedade galega deben ser conscientes do gran talento das distintas promocións que saen desta facultade, que poden axudar a mellorar a visibilidade, a reputación e a xestión de calquera organización”, engadiu Baamonde, que lembrou que serán diferentes titulados e tituladas os protagonistas dos programa de actividades que se desenvolverán ao longo da semana.

Unha “pedra angular” do Campus Crea

“Levamos 25 anos formando talentos que están a xogar un papel moi importante na sociedade”, engadiu o reitor, quen puxo en valor a importancia dos tres graos da facultade, “que pensamos van ter un moi longo percorrido e van axudar á sociedade galega a mellorar as súas capacidades". Na súa intervención, Reigosa definiu á facultade como unha “pedra angular dentro do Campus Crea”, un proxecto de especialización que xa está a face de Pontevedra, sinalou, “un campus atractivo” como amosa “que haxa máis alumnos que se matriculan en primeiro que prazas dispoñibles“ para estudantes de novo ingreso no conxunto dos graos. “No futuro esperamos que se poidan incorporar tamén novas titulacións que redunden nunha maior sinerxía entre facultades”, engadiu Reigosa, ao tempo que incidiu en que, antes da futura apertura das negociacións dun novo mapa de titulacións, podería comezar a traballarse “na idea dos dobres graos”, un traballo “susceptible de facer”, lembrou coas tres titulacións de Ciencias Sociais e da Comunicación.

25 anos que semellan un século

Catedrático emérito da Universidad Complutense e presidente da Asociación Española de Investigación de la Comunicación, Enrique Bustamante. homenaxeado pola súa contribución ao centro ao longo destes anos, abordou na conferencia inaugural os cambios vividos neste cuarto de século, que supuxeron un “salto cualitativo” no eido da comunicación social. “Parece que foi un século, se o medimos en termos de transformación do sistema comunicativo”, recoñeceu Bustamante Ramírez, que afondou en como a dixitalización e “expansión fulgurante das redes sociais” trouxo consigo “cambios decisivos na oferta e no consumo dos contidos mediáticos”, dando lugar a “unha cultura e comunicación en rede”.

Non obstante, “en cultura e comunicación, cantidade non é igual a calidade e diversidade”, lembrou este académico, que sinalou a existencia de “novas ameazas” como a “concentración do poder informativo”, a “mercantilización extrema” da información ou o feito de que os novos medios e as redes sociais, “aínda que presentan innegables achegas ao pluralismo”, deran pé tamén a “fenómenos masivos de datificación dos comportamentos dos usuarios”, así como á “viralización e expansión global” dos “discursos do odio e as noticias falsas”. Nese senso. Bustamante incidiu na necesidade “dunha nova corregulación" das plataformas de busca de contidos e redes sociais, en lugar de delegar nelas “a soberanía sobre a verdade ou a mentira da información”. O conferenciante subliñou así mesmo a necesidade de promover “unha educación mediática” e a “formación crítica dos comunicadores”. No relativo ao papel das universidades públicas, Bustamante avogou por combinar unha “educación tecnolóxica e profesional cada vez máis ampla” coa “formación teórica, histórica e humanística” que permita crear “comunicadores polivalentes capaces de adaptarse ás innovacións futuras, pero tamén de ser conscientes dos códigos éticos que non poden ser violados”, á vez que recalcou o “papel esencial” que a investigación no eido da comunicación debe xogar neste contexto de “enorme incremento da súa transcendencia social, económica e cultural”.

Unha semana na que tituladas e titulados son protagonistas

Un debate sobre o futuro do sector da comunicación, no que participan responsables de diferentes medios, pecha na tarde deste luns a primeira das xornadas desta semana grande, na preto de 30 profesionais formados no centro protagonizarán, entre o martes e o venres, unha serie de coloquios sobre a industria musical no audiovisual, a comunicación na era dixital, a igualdade na comunicación, o universo dos social media, o emprendemento, o presente e futuro do cinema galego ou as experiencias de mobilidade. 

Esta semana de celebración pecharase na tarde do venres con A gran quedada da FCSC, un encontro que busca reunir a alumnado, egresados e egresadas e persoal da facultade, que contará coa música de Ari Magritte, Atlantic, Denis Carballás The Gypsy Souls, Deteriorados e Jaime Rosales.  Así mesmo, a conmemoración complétase cunha exposición de fotografías realizadas polo alumnado, coordinada polo profesor Jorge Lens, e cunha mostra de equipos audiovisuais antigos.