DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O rapeiro vigués presentou 'Versus', o seu terceiro disco de estudio

Crítica social e mestura de estilos ao ritmo de Hard GZ no Teatro Vidal Bolaño

Ofreceu temas que achegaron ao público á nova escena urbana

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Cultura
DUVI 28/02/2019

Hard GZ e Lil GZ son os nomes artísticos polos que é coñecido Pablo Ruibal Iglesias, nado en Vigo en 1995 e que medrou en A Coruña, onde, con 14 anos, empezou a compoñer rap influído polos discos que escoitaba. Semifinalista nos Premios de la Música Independiente (MIN 2019), o artista galego presentou o seu terceiro disco de estudio, na tarde deste mércores, nun concerto no Teatro Vidal Bolaño no campus de Vigo que supuxo a inauguración da programación cultural da Universidade de Vigo do segundo cuadrimestre. 

En Versus, publicado o pasado mes de novembro, o rapeiro confronta as súas dúas vertentes: o trap (Lil GZ) e o rap (Hard GZ), obtendo como resultado unha mestura de estilos, sons e ritmos que achegaron ao público á nova escena, a escena urbana, que nestes últimos anos está a protagonizar un bo número de concertos e festivais arredor de Galicia e España. 

Apoiado no seu colectivo La Utopía del Norte, o artista ofreceu un percorrido por novas sonoridades, mestizaxe de estilos e creatividade, sinais de identidade do autor. No concerto, as e os asistentes puideron desfrutar das cancións que compoñen o novo álbum, no que Hard GZ constrúe un conxunto musical que destaca polo carácter crítico, social e reivindicativo das súas letras. 

Pasado, presente e futuro do rap galego

Tralo éxito acadado cos seus anteriores traballos, Virus e Kaos Nómada, o rapeiro galego segue a medrar ata o punto no que Hard GZ é o artista galego que máis entradas vende en salas e o que máis visitas atrae a súa canle de youtube. En plena fase de promoción da súa nova obra, e con múltiples actuacións ao longo do ano, destaca a súa presenza na segunda edición do festival O Son do Camiño, que terá lugar no mes de xuño no Monte do Gozo en Santiago de Compostela.