DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O programa formativo de Debut 2019 arrinca con talleres sobre innovación téxtil e fotografía

A experimentación con novos materiais abre unha semana dedicada á moda

A directora de FabTextile levou ao alumnado a xerar plásticos con xelatinas ou amidóns

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Congresos e xornadas
  • Estudantado
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 18/11/2019

Nunha industria tan “rápida” como a da moda, “non poden empregarse materiais que van durar 500 anos para un produto que vas utilizar tres meses”, sostén Anastasia Pistofidou, directora do laboratorio de investigación FabTextile e responsable dun dos talleres cos que este luns deu inicio a programación de Debut 2019. A través do uso de diferentes tipos de xelatinas ou amidóns, Pistofidou buscou achegar ao alumnado de Esdemga aos procesos de xeración de “bioplásticos e biotecidos”, nun obradoiro sobre innovación na investigación téxtil que se viu complementado polo taller sobre posprodución para fotografía de moda que impartiu tamén nesta xornada o fotógrafo e creativo no Departamento de Comunicación de Bimba y Lola Daniel Garzee. As dúas iniciativas insírense no programa de actividades formativas arredor do mundo da moda que, ao longo desta semana, complementan o desfile no que, este xoves, 20 novas tituladas no máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda e no título propio de Esdemga presentarán as coleccións que constitúen os seus traballos de fin de estudos.

Xerando materiais a partires de elementos naturais

Arquitecta especializada en tecnoloxías de fabricación dixital e deseño e responsable tamén da academia de téxtil e tecnoloxía Fabricdemy, Pistofidou abriu o taller imparte na Facultade de Belas Artes cunha “pequena presentación sobre que tipo de empresas hai no mundo dos biotecidos e sobre diferentes tipos de materiais innovadores”, complementada cunha introdución ao traballo que, no eido dos biomateriais, a fabricación dixital, a impresión 3D ou a integración de tecnoloxía e electrónica na moda, realizan en FabTextile. Mais o seu propósito era principalmente promover “unha aprendizaxe a través do facer”, o que levou ao alumnado de Esdemga a a experimentar con agar-agar e alxinatos derivados de algas, con diferentes tipos de xelatinas de orixe animal e con amidóns de tapioca. A idea, explica, era que coñecesen unha serie de materiais que se poden empregar para solidificar e que fan posible a xeración “de bioplásticos cos que logo podes xerar fío”. 

Pistofidou buscaba tamén con este taller animar ás e aos asistentes a reflexionar sobre a importancia de traballar con materiais biodegradables e reciclables nunha industria que, sinalou, “é a segunda que máis contaminación á auga xera, despois da do petróleo”. Nese senso, Pistofidou abordou co alumnado a idea de que “hai outras maneiras de facer as cousas” e que, do mesmo xeito que se veñen adoptando medidas para limitar os plásticos dun só uso, unha industria como a moda debe avogar tamén “por adecuar os materiais” ao uso que se vai dar ao produto final. “Non digo que non se poida deseñar algo que poida durar 400 anos”, sinalou neste senso a responsable deste taller, que incidiu non obstante na importancia de ter en conta, como consumidores, “que é o que estamos xerando”. De feito, “a industria xa está a realizar moitos investimentos para traballar con este tipo de materiais”, sinalou a responsable deste taller, que lembrou tamén que “cada material ten a súa pegada”, poñendo como exemplo que unha fibra natural como o algodón “precisa o uso de moita auga e de moito terreo” para a súa produción. Por iso, Pistofidou incidiu na importancia “de deseñar desde o principio con sistemas pechados de materiais”, de tal xeito que cando se fabrica unha determinada prenda, xa estea previsto a reciclaxe dos materiais empregados unha vez remate a súa vida útil. 

Unha semana de formación e de encontro co sector profesional

Xunto a esta actividade, o programa de Debut 2019 abriuse este luns co taller sobre os procesos de tratamento de imaxes fotográficas que impartiu Daniel Garzee, un fotógrafo que combina o seu traballo publicitario no mundo da moda coa creación artística e cuxos traballos foron publicados por revistas como Doze Magazine, Photovogue, ou Sicky Magazine.

A programación continúa mañá martes co taller que Ángeles Manzanares, técnica de emprego da Fundación Universidade de Vigo, centrará na elaboración do currículo e co seminario sobre a entrevista de traballo e os procesos de selección de persoal que impartirá Jacobo Barral, responsable de RRHH Retail de Sociedade Textil Lonia. O mércores terá lugar o taller Xogando con plumas, no que o deseñador Félix Pérez Oliveira, da marca Félix de Martín, proporá unha iniciación ao uso de plumas para a confección de complementos. Pola tarde, esta serie de talleres pecharase cun workshop sobre o desenvolvemento dunha colección de moda protagonizado por “dúas institucións no mundo da moda”, como salienta a directora de Esdemga, Lola Dopico. Trátase de Elinor Renfrew, directora do Departamento de Moda da Kingston University de Londres, e a dúas veces gañadora do premio á mellor xornalista de moda dos British Fashion Awards, Hilary Alexander, que foi directora de moda do Daily Telegraph e na actualidade exerce embaixadora da International Global Foundation.

Renfrew e Alexander formarán tamén parte do xurado que se encargará de avaliar as 20 coleccións que na noite do xoves optarán no Pazo da Cultura aos tres premios de Debut 2019. Ao día seguinte, as novas tituladas manterán, na sede da Vicerreitoría, unha serie de entrevistas con diferentes empresas do sector, no marco da Xornada Técnica de RRHH que porá peche á programación de Debut 2019.