DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun ciclo organizado na Facultade de Ciencias da Educación

Os martes de outubro son para falar de novas perspectivas en literatura infantil e xuvenil

Participarán María Solar, Fran Alonso, Ánxela Gracián, Jacobo Fernández e Jorge Campos

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Cultura
  • Lingua Galega
  • Académica
DUVI Ourense 23/09/2019

Por quinto ano consecutivo este outono volve á programación de actividades do campus de Ourense o Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil. Cada martes do mes de outubro un escritor ou escritora ou un ilustrador achegarase á Facultade de Ciencias da Educación para compartir co público presente a súa obra e a súa visión da creación para os máis novos e novas. Nesta ocasión, as e os convidados serán María Solar, Fran Alonso, Ánxela Gracián, Jacobo Fernández e Jorge Campos.

O Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil, coordinado pola profesora da Universidade de Vigo Isabel Mociño, conta coa colaboración da Facultade de Ciencias da Educación, a Vicerreitoría do Campus de Ourense, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e a Xunta de Galicia. Nesta edición, explica a súa responsable, a iniciativa ten como título (Entre) textualidades. Imaxes, textos e outras expresións artísticas. A idea deste título, detalla Mociño, nace do feito de que “nos últimos anos obsérvase moito na literatura para os máis novos a busca de diálogo entre distintas expresións artísticas”. Así, pon como exemplo libros infantís que veñen acompañados de música ou experiencias arredor da banda deseñada. Neste contexto, sinala Isabel Mociño, “os autores e autoras que participarán neste ciclo representan ese tipo de diálogo, de mestizaxe, de hibridismo, xa que nas súas traxectorias teñen obras nas que se dialoga con distintas expresións artísticas”. No ciclo, engade, trátase de “ver como se está reflectindo na literatura para os máis novos esta sociedade líquida na que vivimos”.

Cinco sesións

As xornadas, indica a súa responsable, “están pensadas para ser un espazo de reflexión, de debate, de coñecemento de perspectivas creativas e traxectorias”. As cinco sesións que compoñen o ciclo celebraranse os días 1, 8, 15, 22 e 29 de outubro ás 18.00 na sala Emilia Pardo Bazán, no soto do Edificio de Ferro do campus de Ourense e manteñen o formato de anos anteriores de conferencias abertas á participación do público. “Como todos os anos, o ciclo está pensado para a sociedade en xeral pero como estamos nunha Facultade de Ciencias da Educación o destinatario preferente é o noso propio alumnado, como unha actividade formativa complementaria ao curriculum oficial”, sinala Isabel Mociño. A actividade, engade, “dá a oportunidade ao alumnado de estar en contacto con creadores e creadoras que logo en moitos casos van a ter a oportunidade de tratar nos centros educativos, xa que son autores que fan moitas actividades co alumnado e centros de Infantil e Primaria”.

A programación arrancará o día 1 de outubro cunha conferencia de María Solar titulada Do que eu escribo ao que ti les. Imaxes, interaccións e recursos no proceso narrativo infantil. Desta xornalista, presentadora na TVG e escritora, Isabel Mociño salienta como se trata dunha “autora cunha traxectoria que abrangue desde obras para os máis pequeniños ata novelas para público xuvenil” e o feito de que “presenta unha voz nova, diferente, pois ten unha vertente que bebe da súa formación científica”. O día 8 de outubro tomará o relevo Fran Alonso cunha intervención titulada Palabras deseñadas. Deste escritor e director de Edición Xerais, a coordinadora do ciclo destaca como se trata dunha “das voces poéticas máis singulares que temos”, subliñando a súa busca dunha linguaxe que faga que docentes e alumnado “lle perdan medo á poesía”. Tras estas conferencias, o día 15 de outubro Ánxela Gracián falará de Escribir coa memoria prestada. Desta tradutora, Isabel Mociño salienta que “leva moitos anos escribindo e sendo premiada” por unha traxectoria da que recalca a súa diversidade e o feito de que “tráenos realidades moi distantes para reflexionar de problemáticas que temos aquí, na nosa contorna, como é a violencia de xénero”.

Por último, o ciclo contará coa participación de dous ilustradores. O día 22 de outubro, Jacobo Fernández ofrecerá unha conferencia titulada En que forno estaba o teu cerebro? Deste profesor da Escola de Arte e Superior de Deseño Antonio Failde, Mociño comenta que “é unha persoa que leva anos coa dobre vertente de ilustrar libros infantís doutros autores á vez que ilustra e escribe os seus propios libros”, permitindo a súa conferencia abordar “formas diferentes de aproximarse ao libro e á lectura”. O ciclo pecharase o día 29 coa conferencia Explorando narrativas alternativas, do novo ilustrador formado na mesma escola Jorge Campos.