DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizadas pola Área de Benestar, Saúde e Deporte

Pausas activas saudables para facer fronte ao sedentarismo

Os luns, mércores e venres ás 11.00 a través de Instagram e Facebook

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Deportes
  • Saúde
  • Deportes
DUVI 07/05/2020

O Servizo de Prevención de Riscos Laborais remarca, no seu manual para teletraballar dende a casa de forma saudable, a necesidade organizar o tempo e facer os descansos precisos na xornada laboral. Desa necesidade nace a nova iniciativa da Área de Benestar, Saúde e Deporte, un proxecto saudable que consiste en realizar pausas activas que se retransmitirán en directo a través das redes sociais. 

A primeira das citas será mañá venres, 8 de maio, ás 11.00 horas e poderase seguir en Instagram e Facebook (@muversuvigo) da man de Raquel Carragal (nº Col. 58265). A partir desta data, as sesións terán lugar todos os luns, mércores e venres á mesma hora.

Dende a Área de Benestar, Saúde e Deporte explican que “estamos nun estado de alarma que non nos permite realizar unha actividade física normal, pasamos moitas horas diante do ordenador e todo isto repercute negativamente na nosa saúde ou pode empeorar patoloxías existentes”. Para limitar este sedentarismo e buscar alternativas saudables, estas pausas activas centraranse na realización dunha actividade física controlada, deseñadas para unha progresión lóxica dos contidos, evolucionando sempre dentro dunha seguridade na súa realización”. Todos os exercicios executaranse cun control corporal axeitado e acorde ás características de cada persoa, independentemente da zona que se traballe e o obxectivo concreto a desenvolver. 

Ademais, avanzan que haberá sorteos e diversas sorpresas que irán desvelando aos poucos.