DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Permite obter datos reais ‘in situ’ de xeito automatizado para avaliar a evolución do lume

O proxecto FIRE-RS certifica a efectividade da súa tecnoloxía para mapeado e predición do comportamento de incendios

Combina sensores infravermellos, o cubesat LUME 1, drones e un software de modelado

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • TIC
  • Universidade e empresa
  • Investigación
M. Del Río DUVI 08/05/2019

A Xunta de Galicia destina, neste 2019, 180 millóns de euros á prevención e defensa contra o lume ao abeiro do Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia (Pladiga). Uns lumes que no pasado ano calcinaron 2608 hectáreas de monte con 1426 focos, segundo os datos da Consellería de Medio Rural. Pero este problema de dimensión mundial, agravado polo cambio climático, precisa de novos enfoques para erradicalo e minimizar os seus efectos sobre a poboación e o medio ambiente. Neste contexto, coordinado pola Universidade de Vigo e coa participación da Universidade de Porto e do Centro Nacional para a Investigación Científica de Toulouse, botou a andar no ano 2016 o proxecto FIRE-RS. Financiado polo programa europeo Interreg cun orzamento de 2,1 millóns de euros, fronte aos sistemas actuais que empregan modelos que non son quen de recoller datos de xeito continuo, FIRE-RS permite obter datos reais recollidos ‘in situ’ e de xeito automatizado para avaliar a evolución e propagación real dun lume.

Transcorridos tres anos desde o seu inicio, este mércores o equipo de investigación implicado neste proxecto presentou o balance do seu traballo. Como explicaba o profesor Fernando Aguado, investigador principal, “FIRE-RS acadou a integración de múltiples tecnoloxías para facilitar a loita contra o lume, cumprindo así cos obxectivos definidos no proxecto, que permite realizar unha predición máis exacta da evolución dos incendios, baseada en datos reais recollidos ‘in situ’ de xeito automatizado”. A iniciativa implementa un demostrador tecnolóxico baseado nun sistema innovador de detección, mapeado e predición do comportamento dos incendios forestais, mediante a combinación de sensores infravermellos despregados nos montes; un satélite Cubesat (LUME-1); unha flota de vehículos non tripulados (UAVs) con cámaras no infravermello próximo e un software de modelado e predición de incendios. 

Vídeo resumo do proxecto FIRE-RS

Un exemplo de colaboración

No acto de presentación dos resultados, o reitor, Manuel Reigosa, puxo en valor un proxecto que reúne aspectos “dos que estamos moi satisfeitos tanto dende a Universidade de Vigo como dende a sociedade galega”, entre eles a aposta pola colaboración tanto internacional como público-privada; o fornecemento de capacidade tecnolóxica cara o tecido industrial; ou a creación de spin-off, coa posta en marcha de Alén Space. Xúntanse así, remarcaba, “unha serie de cousas que crean a Universidade que nós pretendemos, grazas ao traballo de persoas como Fernando Aguado e todo o seu equipo”.

Pola súa banda, Aguado quixo dar as grazas a Axega e recoñecer o traballo do profesor José Antonio Vilán, co-investigador principal no comezo do proxecto, e o esforzo dos membros da Agrupación Aeroespacial, o grupo CIMA, o grupo de Antenas, Radar e Comunicacións Ópticas, o Laboratorio de Informática Aplicada, LIA2 e dos socios europeos. Sobre a constatación da efectividade dos resultados, Aguado amosábase “satisfeito de ter realizado un traballo moi interesante”, que agora mesmo está preparado para pasar á fase da transferencia. “Nós comprobamos que a tecnoloxía está plenamente operativa, é escalable e os resultados cumpriron cos obxectivos, polo que o futuro pasa pola implicación da administración pública e a comercialización a través do tecido produtivo da contorna galega “para producir riqueza económica e xerar postos de traballo”. 

Neste sentido, o investigador apuntaba que o coñecemento referido aos satélites acubillado durante os últimos 11 anos comercialízase a través da spin-off Alén Space, “un xeito de que o talento se quede e forneza o tecido produtivo galego”. Diego Nodar, un dos impulsores da empresa, explica que o custe de poñer en marcha unha rede con esta tecnoloxía dependería do número de satélites da constelación, de sensores terreos, etc. pero tamén de se “é unha administración pública a que quere o servizo só para ela, ou ben é unha empresa a que se encarga de distribuír esta tecnoloxía a diferentes administracións e diferentes países”. En todo caso, Fernando Aguado tamén lembra que aínda é preciso establecer un marco legal que aborde temas como o dereito á privacidade en relación ás cámaras ou dos permisos de voo dos UAVs. Dende o punto de vista da investigación, Aguado tamén remarcou a importancia de buscar socios internacionais para continuar con esta liña de investigación e avanzou que existen contactos coa NASA para establecer colaboracións a través do JPL, situado en California, unha zona moi afectada por lumes devastadores. Tamén remarcou a utilidade deste proxecto para establecer as mellores estratexias de reforestación, “é outra vía pola que temos que seguir avanzando”.

Marcos Araújo, xerente de Axega, remarcou a importancia deste tipo de proxectos que axudan non só ao control dos lumes, senón tamén á prevención. “Os cambios de modelos sociais, de usos do territorio e o cambio climático repercuten de forma notable na tipoloxía, número e casuística dos incendios forestais", pero este tipo de proxectos axudan a evitar situacións de emerxencia, a que estas se agraven e tamén teñen un papel de prevención e disuasión. “Dado que o 95% dos lumes son provocados, o control e monitorización do terreo pode axudar a reducir esta cifra”, recoñecía.

FIRE-RS en tres fases

A tecnoloxía do proxecto FIRE-RS desenvólvese en tres fases. Na primeira delas, a Universidade de Vigo deseñou e desenvolveu o sistema de detección en terra, integrado por sensores infravermellos e estacións meteorolóxicas; así como do satélite LUME-1, encargado de recoller e reenviar as alarmas xeradas polos vixías en terra. “Cando os sensores detectan un incendio, transmiten, empregando un módem, a alarma cos datos recollidos ao satélite, que os retransmite á estación de terra da Universidade de Vigo, desde onde son enviados ao centro de control francés”, explica Aguado.

Na segunda fase, o Laboratorio de Análises e Arquitectura de Sistemas de Toulouse simula a evolución do lume e xera un plan de voo efectivo e optimizado para que os avións non tripulados sigan unha traxectoria definida sobre a área do incendio co obxectivo de recoller máis datos “in situ”. Xa na terceira fase do proxecto, o equipo da Universidade de Porto encárgase de despregar varios vehículos non tripulados que sobrevoan a área do incendio, seguindo o plan de voo xerado polo software de intelixencia artificial, co obxectivo de recoller os datos necesarios para obter a propagación real do lume. 

Novo proxecto con vehículos terrestres

A piques de poñer fin a este proxecto e a falta tan só das últimas probas, o equipo da Universidade de Vigo ten a vista posta xa no futuro. Como avanzou Fernando Aguado acaban de solicitar un novo proxecto europeo que tería como obxectivo a creación de vehículos autónomos de superficie para que poidan servir de soporte  ás brigadas terrestres de loita contra os incendios, por exemplo, transportando ferramentas a través das liñas de lume. A proposta está xa nunha segunda fase de avaliación e agárdase que a resolución se coñeza despois do verán.