DUVI

Diario da Universidade de Vigo

420 persoas participaron este mércores en Ourense na terceira edición de Exxperimenta

Referentes femininos para espertar vocacións científicas

O edificio Politécnico acolleu 14 obradoiros impartidos principalmente por mulleres

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Divulgación
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI Ourense 12/02/2020

Despois da celebración este martes no campus de Vigo de Elas fan CienTec, este mércores continuou na Universidade de Vigo a conmemoración do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia con Exxperimenta en feminino, a III Xornada de divulgación en ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas. Nela, 120 estudantes e persoal docente e investigador do campus, maioritariamente mulleres, desenvolveron 14 obradoiros prácticos para 300 escolares da provincia de Ourense co obxectivo de espertar nelas e neles a vocación científica a través de referentes femininos.

Presente e futuro

Exxperimenta en feminino, que conta con financiamento da Fundación Española de Ciencia y Tecnología (Fecyt) do Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades, está coordinado polas profesoras Alma Gómez, da Escola Superior de Enxeñaría Informática, Julia Carballo, da Facultade de Ciencias, e Nieves Lorenzo, da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo. Amosando a súa satisfacción pola acollida que tivo esta nova edición da feira, Alma Gómez, explicou como “viñeron todos os centros previstos e conseguimos ter a punto todos os postos, que están atendidos maioritariamente por mulleres para que os rapaces e rapazas vexan que as mulleres facemos ciencia, tecnoloxía e enxeñaría”. A iniciativa, lembraron as súas coordinadoras, ten un duplo obxectivo pois ao mesmo tempo que abrangue o fomento da vocación e a cultura científica pretende facelo desde unha perspectiva de xénero. “O problema non é só que as mulleres estean infrarepresentadas na ciencia e na tecnoloxía, que o está e contra iso temos que loitar, senón que en xeral necesítase xente para a ciencia e a tecnoloxía, é fundamental espertar as vocacións científicas e tecnolóxicas e enxeñarías en xeral, tanto en rapazas como en rapaces”, subliñou Julia Carballo. Neste senso, a profesora apuntou a importancia de visibilizar como “as mulleres facemos ciencia” con actividades coma esta feira.

Pola súa banda, Águeda Gómez, directora da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, salientaba na visita á feira como esta actividade e a celebrada o martes no campus de Vigo “son moi importantes porque existe unha fenda de xénero moi grande no ámbito das STEM que prevé que dentro duns anos haxa unha fenda económica e salarial entre mulleres e homes”. Neste contexto, recalcou, “é importante que as nenas e mulleres teñan referentes de científicas, investigadoras e tecnólogas para que non aconteza o que está acontecendo, que estes ámbitos teñen un nivel de matriculación de mulleres menor”. Apuntando como Exxperimenta en feminino é “exemplar”, Águeda Gómez quixo felicitar ás coordinadoras da iniciativa e ás persoas que nela participan “por todo o esforzo realizado, pois é un orgullo que haxa xente que voluntariamente, cun traballo xeneroso, faga este tipo de cousas”.

Á feira asistiron 300 escolares de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato dos centros Virxe da Saleta, de Cea; Castro de Baronceli, de Verín; Lagoa de Antela, de Xinzo de Limia, e As Lagoas, Universidade Laboral e Divina Pastora da cidade de Ourense. Entre elas e elas estiveron este mércores Uxía Manso, Omayma Erraihani, Rocío Fernández e Xiana Domínguez, estudantes de terceiro curso de Educación Secundaria Obrigatoria do IES Lagoa de Antela. “Está sendo unha experiencia única”, comentaba Omayma Erraihani durante o percorrido pola feira. A visita aos diferentes postos, engadía Uxía Manso, “está moi ben porque ves moitos experimentos diferentes”. Ademais da feira, Rocío Fernández e Xiana Domínguez salientaron como lles gustou especialmente entrar nas aulas universitarias por primeira vez na súa vida. Sen aínda ter moi claro que estudar no futuro, coa súa visita a esta feira e ao campus as rapazas agardaban “ver cousas” que espertasen a súa curiosidade por algunha profesión en concreto. Acompañando a estas alumnas estivo a profesora do centro Eulalia Delgado, que salientou como esta é a primeira vez que o IES Lagoa de Antela participa nesta iniciativa na que “aprenden os rapaces e rapazas pero tamén aprendemos os profesores”. A actividade, destacou, permite ás e aos escolares “coñecer novas cousas e ver como se traballa aquí, algo que lles pode axudar a ver o que poden facer no futuro”.

14 obradoiros

En xornada de mañá e tarde, as e os asistentes puideron asistir a 14 obradoiros divulgativos dun amplo abano de temáticas en diferentes espazos do edificio Politécnico e da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo. Así, as e os escolares puideron ver microorganismos a través de microscopía, coñecer como se obteñen antioxidantes da biomasa, facer experimentos sobre as propiedades do solo, separar colorantes alimentarios, crear un arco da vella nunha botella ou ver como funcionan os encimas e o clima. Tamén tiveron a oportunidade ver a orixe dos produtos apícolas, a ciencia que hai na cociña, o azucre dos alimentos e a composición do embutido do bocadillo. Non faltaron tampouco os talleres para aprender a programar videoxogos con ferramentas sinxelas e coñecer como voa un avión ou como aconteceron as explosións do buque Casón. No eido da saúde e a ciencia, o público puido coñecer desde cal é o seu grupo sanguíneo ata a importancia de lavar ben as mans. Ademais da visita interactiva en pequenos grupos a estes obradoiros ou postos, a xornada contou con dous monólogos divulgativos, a cargo de Andrea Muras e David Ballesteros, cunha exposición de mulleres destacadas e coa entrega dos premios do IV Concurso Escolar de Debuxo e Redacción do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia.